A Xunta defende que "hai menos galegos probres" que hai catro anos

Asegura que a poboación galega que "peor o está pasando" diminuíu nun 60% nesta lexislatura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2019 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que o número de persoas con carencia material severa descendeu nun 60% nesta lexislatura, ao pasar de 4,1% en 2016 a 1,6%, catro puntos menos que a media española. Manifestouno en resposta a unha interpelación formulada pola deputada socialista Noela Branco durante o pleno da Cámara, no que a titular de Política Social asegurou que estes datos reflicten que cada vez hai menos galegos en situación de pobreza.

Na súa intervención, Fabiola García atribuíu estes avances na loita contra a pobreza e a exclusión á situación de "estabilidade económica e política" que ten Galicia o que, segundo apuntou, beneficia directamente á poboación que máis o necesita.

Ademais, tras sinalar que a taxa Arope está no 23%, unha cifra dous puntos por baixo da que había en 2008 nun contexto de bonanza económica, apuntou que estes datos pon de manifesto que Galicia "está a avanzar na atención ás persoas en situación de risco de vulnerabilidade social". Subliñou que na Comunidade autónoma hai un 15% menos de perceptores da Risga que no inicio da lexislatura. Respecto diso desta renda de inclusión, apuntou que o próximo ano a Xunta destinará a esta prestación 64 millóns, tres veces máis que en 2009.

A OPOSICIÓN: "PRETO DUN 42% DOS GALEGOS ATÓPASE EN SITUACIÓN PRECARIA"

A conselleira deu resposta este mércores a unha interpelación formulada pola deputada socialista Noela Branco, quen instou ao PP a pór un "cordón sanitario" fronte a aqueles partidos que "fomentan a aporobofia" ou o rexeitamento ás persoas pobres, en referencia a Vox.

Así mesmo, a parlamentaria do PSdeG  tildou de "fracaso" as políticas do Goberno galego para atender á pobreza. Argumentou que "o 41,6% da poboación galega atópase nunha situación precaria e conta cunha elevada taxa de vulnerabilidade social" e con "repuntes na taxa de pobreza Arope". Acusou tamén á Xunta de manter unha Risga "nin suficiente nin digna, así como "excesivamente burocratizada e non individualizada" que, segundo indicou, "fai que Galicia teña a segunda renda de inclusión máis baixa do Estado, só por baixo de Madrid".

Acampada contra a pobreza na praza do Rei/ Miguel Núñez - LX Acampada contra a pobreza na praza do Rei/ Miguel Núñez - LX
Acampada contra a pobreza na praza do Rei/ Miguel Núñez - LX Acampada contra a pobreza na praza do Rei/ Miguel Núñez - LX

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Sen dúbida en Galicia hai moita xente que vive estupendamente grazas aos POBRES !!! https://www.xunta.gal/ficheiros/fun... O malo é que para vivir tan estupendamente cómpre que os POBRES MEDREN !!!