Unanimidade para garantir que o sexo non consentido sexa tratado sempre como un delito

Todos os partidos, de acordo en que a lei inclúa o consentimento e mellorar a tipificación das agresións sexuais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2019 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

Os grupos da Cámara galega chegaron a un acordo para instar o Goberno central a incluír no marco legal o concepto de consentimento para mellorar a tipificación e tratamento da violación e das agresións sexuais, así como a súa consideración como delitos de carácter público.

O acordo unánime partiu dunha proposición non de lei defendida pola deputada do BNG Noa Presas que pedía impulsar a aplicación da directriz do artigo 36 do Convenio de Istambul que estipula que as autoridades deben adoptar todas as medidas necesarias para garantir que o sexo non consentido sexa tratado sempre como un delito.

Deste xeito, despois de que os nacionalistas chegasen a acordo sobre unha transacción co Partido Popular, o texto aprobado por todas as forzas da Cámara contempla tamén modificar a definición estatal de violencia de xénero de acordo co Convenio de Istambul de forma que a violencia sexual sexa recoñecida como tal, "como xa fixo a lei galega no ano 2007".

Ademais, pide o desenvolvemento das actuacións legais necesarias para que os delitos de violencia sexual sexan instruídos nos xulgados especializados de violencia machista, no caso de que o presunto autor sexa menor, así como transferir a Galicia os recursos orzamentarios necesarios para esta adaptación.

Outro punto que se inclúe é avaliar, no prazo de seis meses, o funcionamento do Protocolo de Coordinación e Cooperación Institucional fronte á violencia de xénero respecto da violencia machista e as súas necesidades de mellora.

Por último, a proposición non de lei aprobada tamén recolle a proposta formulada por En Marea nunha emenda e solicita o impulso de campañas específicas de concienciación e bo uso de Internet, sobre os riscos do 'sexting' e sobre a ciberviolencia de xénero e sexual.

A violencia machista tamén existe no rural, pero a necesidade de axuda semella desoída
A violencia machista tamén existe no rural, pero a necesidade de axuda semella desoída | Fonte: Silvia López

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta