Todos os partidos no Concello de Ferrol únense para demandar solucións á crise industrial da comarca

Solicitan, ademais, a instalación do Centro de Excelencia do Sector Naval (CESENA) na cidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2019 | Actualizada ás 19:38

Comparte esta noticia

O pleno do Concello de Ferrol aprobou na tarde deste xoves, por unanimidade, dúas declaracións institucionais que horas antes pactaran os portavoces dos catro grupos municipais. Unha delas para demandar de solucións urxentes que permitan reverter a situación de emerxencia que sofre a comarca, mentres que a segunda solicita que na zona de Ferrol se instale o Centro de Excelencia do Sector Naval (CESENA).

Pleno extraordinario do concello de Ferrol
Pleno extraordinario do concello de Ferrol | Fonte: Europa Press

Todos os grupos, PP, PSOE, Ferrol en Común (FeC) e BNG referendaron os textos nunha sesión extraordinaria que se desenvolveu durante un cuarto de hora, desde as 18,45 e ata as 19,00 horas.

Na primeira delas confirmouse o apoio ao calendario de mobilizacións que expuxeron os sindicatos CIG, CCOO e UGT, "na demanda de solucións urxentes que permitan reverter esta situación".

Inciden no texto que "os sectores económicos principais son o naval e metalúrxico en Ferrol, o enerxético en Eume e o primario e atractivo en Ortegal", e que "están en perigo polo peche de actividade de Endesa e a falta de carga de traballo no naval, que fai que as industrias auxiliares sufran un constante goteo na perda de postos de traballo".

INFRAESTRUTURAS

Nesa declaración institucional tamén se fai "mención especial ao abandono na mellora das infraestruturas, cunha grave insuficiencia no sistema de transporte público, cunha acusada deficiencia na rede de estruturas ferroviarias, tanto de mercadorías como de pasaxeiros".

Tamén se critica que "desde a mal chamada reconversión todos e cada un dos plans postos en marcha, tanto por parte do Goberno do Estado como da Xunta de Galicia, incluídos os últimos, Plan Ferrol e Plan Director da Industria de Galicia, para o período 2015-2020 resultaron un absoluto fracaso".

No caso de Endesa, pídese que as administracións e a propia empresa asuman "a rexeneración e diversificación da actividade económica na zona, dotando o financiamento necesario e con prazos concretos", xa que "pola contra a situación de decadencia tornarase irreversible.

NAVAL

En canto ao sector naval, o texto incide en "cubrir o baleiro de carga de traballo do sector naval" algo que pasa "pola construción dun AOR para a Armada española", ademais de "abordar un plan que manteña o naval como sector estratéxico, que potencie a construción tanto militar como civil; as reparacións e a fábrica de turbinas; e a posta en marcha do centro tecnolóxico, así como implementar o estaleiro 4.0, cun dique cuberto, cumprindo os prazos xa programados, así como un dique seco para reparacións".

CESENA

En canto á declaración institucional sobre o Centro de Excelencia do Sector Naval (CESENA), critícase que "o acordo entre Navantia e Siemens inclúa a creación en Santiago de Compostela deste centro, que "impulsará a transformación dixital, desenvolverá as futuras solucións para o sector naval e incentivará a colaboración entre os distintos axentes da industria, como son estaleiros, universidades, centros de investigación, asociacións, armadores e organismos públicos".

Para xustificar a instalación en Ferrol do CESEG, asegúrase que "o estaleiro no que se van a fabricar os buques" está nesta cidade, "un Centro de Innovación e Servizos (CIS) con capacidade suficiente", así como "un Campus Industrial coas titulacións de Enxeñaría Naval e Océanica ademais das Cátedras Jorge Juan, asinada entre a UDC e o Ministerio de Defensa e a Cátedra Cosme Álvarez dos Ríos, asinada entre UDC e Navantia".

Tamén se apunta como destacables "as empresas auxiliares, algunhas delas importantes firmas de enxeñaría, ademais dun porto de Interese Xeral do Estado".

É por iso que se instou "á Xunta, no ámbito das súas competencias, á posta a disposición do CIS ou colaborar na procura e posta a disposición das instalacións necesarias para a localización do CESENA en Ferrol".

Tamén se decidiu "instar o Goberno do Estado á procura de solucións efectivas para dotar de carga de traballo aos estaleiros da ría de Ferrol, mediante a construción dun AOR ou calquera outro buque que permita cubrir a ausencia de carga de traballo mentres se inicia a construción das fragatas F-110, e así paliar a situación de emerxencia industrial que vive a nosa comarca".

Por último, pídese a Navantia á implantación do CESENA na cidade de Ferrol, "podendo ser o CIS da Cabana a localización preferente" e, en caso de non ser posible, "en calquera outra instalación pública que se adecue ás necesidades, considerando que Ferrol ten as sinerxías necesarias non só coa empresa principal, senón que tamén coas firmas auxiliares, ademais de facilitar a colaboración coa Universidade e as administracións autonómica e central".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta