A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro tras ventos de máis de 130 km en Viveiro

Recomenda permanecer lonxe da liña de costa e das praias e paseos marítimos e a suspensión da actividade pesqueira e marisqueira.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2019 | Actualizada ás 10:49

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo. Unha alerta que chega logo de refachos de máis de 130 quilómetros en Viveiro.

Segundo informou Vicepresidencia nun comunicado, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) avisa de que o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro afectará o noroeste da provincia da Coruña e a todo o litoral de Lugo a partir das 15,00 horas con ventos de forza oito e mar combinado do noroeste con ondas de entre cinco e seis metros. No resto do litoral galego haberá alerta amarela.

Ademais, actívase o nivel amarelo por vento con refachos que poden alcanzar os 80 quilómetros por hora e alerta amarela por choiva que afectará a toda a Comunidade galega.

Debido ao temporal costeiro a Xunta recomenda permanecer lonxe da liña de costa e das praias e paseos marítimos co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos.

Tamén aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Ondada na Coruña. CONCELLO DA CORUÑA
Ondada na Coruña. CONCELLO DA CORUÑA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta