Temas: BATEA PESCA

Discrepancias entre administracións atrasan a aplicación do plan de sinalización de bateas en Galicia

A Xunta xustifícao para non ir "en detrimento da seguridade" das rías galegas, con gran "complexidade"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/11/2019 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, informou este venres da localización de "diversos aspectos sobre os que cabe discrepar" con respecto ao ditame que no seu día (en 2017) emitiu a comisión de faros (dependente de Portos do Estado) para o balizamento das rías galegas, por iso é polo que este mesmo mes se celebrou unha reunión entre técnicos "onde se expuxeron dúbidas" e as mencionadas desconformidades.

Bateas na ría de Vigo
Bateas na ría de Vigo | Fonte: @ Miguel Núñez.

Na comisión de pesca do Parlamento, a deputada do PSdeG Patricia Otero, que preguntaba pola aplicación do plan de sinalización de bateas, manifestou a súa "preocupación" ante esta información por parte da responsable de Portos.

"Fainos pensar que isto aínda vai provocar un maior atraso", advertiu a socialista, despois de que as propia Lenguas apuntase a 2020 para a licitación de plans para as restantes rías, máis aló da de Corme e Laxe e Muros e Noia (as únicas avanzadas).

O PSOE galego, incidiu Otero, quería "saber se se vai cumprir o acordo que dicía que antes de finalizar esta lexislatura ían estar plenamente sinalizadas estas bateas e parece ser que non vai se é posible, porque vostede falaba de cumprimento total ou parcial".

Pola súa banda, a presidenta do ente público dixo que "non por cumprir ese obxectivo de tempo vai ir en detrimento da seguridade das rías".

Neste sentido, incidiu na "complexidade" das rías galegas, na "envergadura" do proxecto e no "elevado número de axentes que interveñen no deseño do balizamento".

"PREVISIBLE MODIFICACIÓN"

Este balizamento "ten que ser homoxéneo e non crear confusión", remarcou, antes de revelar a recente reunión mantida neste mes entre técnicos de Portos e de Portos do Estado, coa participación do vicepresidente da comisión de faros.

"Á vista deste encontro, é previsible que sexa necesaria a modificación do proxecto redactado antes da súa licitación, prevista durante o exercicio de 2020", comunicou.

Tamén para 2020 aprazou, "unha vez clarificados estes aspectos", a contratación do proxecto para Corme e Laxe e Muros e Noia e o comezo do proceso no que ten que ver co resto de rías ou algunhas delas.

E é que Susana Lenguas falou dun "cumprimento parcial ou total" tendo en conta que en setembro de 2017 se fixou "un prazo tres anos para a posta en funcionamento" do plan.

BREXIT

Por outra banda, na mesma comisión, a popular Teresa Egerique interrogou á secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, pola situación da frota galega ante o brexit.

Concheiro defendeu estar "a traballar desde o primeiro momento para ter capacidade de resposta" e apelou ao último acordo alcanzado que "diminuíu o risco de saída abrupta" de Reino Unido, aínda que "segue imperante" a "incerteza".

Pola súa banda, sinalou a unha das posibilidades que estuda a Xunta a modo de "medida de continxencia", como que haxa "modificacións" no Fondo Europeo Martítimo e de Pesca (FEMP) "para permitir a concesión de axudas a frota afectada por unha posible paralización da actividade".

Temas: BATEA PESCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta