A Real Academia Galega celebra os 70 anos da primeira colección que publicou en galego tras a Guerra Civil

Trátase dun conxunto de versos editados nesta cidade en 1949 co nome de colección 'Benito Soto'.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 22/11/2019 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega celebra este venres no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra os 70 anos da primeira colección que publicou en galego tras a Guerra Civil, un conxunto de versos editados nesta cidade en 1949 co nome de colección 'Benito Soto'.

Víctor Freixanes, presidente da RAG.
Víctor Freixanes, presidente da RAG.

Como lembra a RAG, entre a primavera dese ano e a de 1952 sairían de Gráficas Torres un total de 15 poemarios, grazas ao traballo de Sabino Torres, Emilio Álvarez Negreira e Manuel Cuña Novás.

"A colección Benito Soto inaugurou unha etapa de esperanza para a poesía e para a literatura galega nun contexto histórico moi difícil, en plena ditadura de Franco. Se repasamos os títulos que a integran, vemos autores de enorme significación que son aínda hoxe referencias obrigadas da nosa literatura", destacou o presidente da Academia galega, Víctor F. Freixanes.

No acto deste venres, os versos incluídos nesta colección soan nas voces de Xosé María Álvarez Blázquez, Celso Emilio Ferreiro, Manuel Cuña Novás, Manuel Fabeiro, Eva Mejuto, Antón Sobral, Xaime Toxo e os académicos Xosé Luís Franco Grande e Marilar Aleixandre. O programa, conducido pola académica Fina Casalderrey, inclúe, ademais, a interpretación musical de poemas a cargo de Ánxeles Ruibal, filla doutro dos poetas da colección Benito Soto, José Ruibal.

A conmemoración, en colaboración da Deputación de Pontevedra, arrinca coas intervencións do presidente da Academia e da presidenta do ente provincial, Carmela Silva, e conta tamén con tres intervencións para analizar diferentes aspectos relacionados coa colección.

O académico Xesús Alonso Montero intervén para deterse na propia historia da Benito Soto, mentres que a investigadora Ana Acuña profunda na súa relación con outros proxectos ao redor da poesía impulsados por Sabino Torres tempo despois, a colección 'Hipocampo Amigo' e 'Olga', a Revista de poesía galega en Madrid. Finalmente, a investigadora Patricia Arias Chachero defende a "importante influencia" de Aquilino Iglesia Alvariño no cambio da colección Benito Soto cara ao galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta