Complícase o rescate do buque quimiqueiro encallado na zona da ría de Ares

O capitán do 'Blue Star' trasladou que os tanques non foron afectados e non hai contaminación na zona. O BNG esixe a "inmediata transferencia" das competencias en costas para evitar accidentes como este.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/11/2019 | Actualizada ás 09:02

Comparte esta noticia

Un buque quimiqueiro, o 'Blue Star', de 129 metros de eslora, encallou sobre 23,50 horas do venres, 22 de novembro, na costa de Ares (A Coruña). En concreto, entre as praias de Barrosa e A Canteira, na zona de Punta Miranda. Ao lugar do sinistro desprazáronse catro remolcadores, os buques de Salvamento Marítimo 'María Pita' e 'Don Inda', un terceiro o da Xunta 'Ría de Vigo' e tamén se mobilizou o 'Ibaizabal Nove'.

O buque 'Blue Star' encallado na costa de Ares (A Coruña). IAGO VARELA
O buque 'Blue Star' encallado na costa de Ares (A Coruña). IAGO VARELA

As autoridades decidiron esperar a que chegase a preamar á ría de Ares, ás 13,39 horas da tarde, para tentar remolcar o 'Blue Star'. A tripulación atópase fóra de perigo aínda que permanecía a bordo, segundo o 112 Galicia.

Durante a noite e nas primeiras horas do sinistro, o helicóptero Helimer 401, de Salvamento Marítimo, encargouse de levar os cables para o remolque desde p 'María Pita' á embarcación encallada. Foi sobre as 02,30 horas cando ambos os buques quedaron unidos e preparados para iniciar a operación de rescate.

Ao mesmo tempo, tamén foi activado o Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (CAMGAL) na súa fase de alerta.

O rescate do 'Blue Star' complicouse. Tal e como tiña previsto Salvamento Marítimo, os remolcadores iniciaron a manobra de arrastre ao redor das 13,30 horas deste sábado, coincidindo coa pleamar, pero no momento no que os buques comezaron a dar potencia, as estachas que o amarraban racharon e, con iso, non lograron o seu obxectivo.

Era previsible que as tarefas, que coordinan desde Salvamento Marítimo, fosen complexas, xa que o barco se atopa moi metido na zona de costa, nun lugar moi rochoso.

Tras este primeiro intento, a operación quedou abortada e todos os medios quedaron na zona á espera de realizar un segundo operativo coa próxima preamar, que se producirá sobre as 2.00 horas da madrugada deste domingo. No entanto, estímase que a altura que alcanzará o mar será a mesma que a do mediodía deste sábado, segundo algunhas fontes consultadas.

Para as próximas xornadas, con todo, agárdanse mareas máis cheas, o que pode facilitar que o buque, con bandeira de Malta, quede máis suspendido con respecto á zona de rocas onde está actualmente encallado.

PROBLEMAS NA MÁQUINA

O buque tocou terra sobre 23,50 horas deste venres, 22 de novembro, na zona de Punta Miranda, máis concretamente entre as praias de Barrosa e A Canteira, en Ares.

Segundo fontes consultadas, o barco tivo un problema na máquina, concretamente un incendio na zona da cheminea, cando saía do fondeadoiro de Ares para tomar práctico e entrar na Coruña, pero a avaría deixouno a mercé do vento e as ondas, ata que tocou terra.

O barco procedía, baleiro, de Bilbao, para cargar na terminal de Repsol da Coruña 6.000 toneladas dalgún produto químico sen especificar.

Ademais, o capitán do barco, que conta con dobre casco, trasladou que os tanques non foron afectados, e no incidente tampouco resultou ferido ningún membro da tripulación, que permanecen dentro do buque para colaborar nas tarefas.

XUNTA

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, lembrou este sábado que o quimiqueIro "non tiña carga" e confiou en que tampouco se produza unha vertedura do combustible do buque e que se poida desencallar e remolcar.

Rueda explicou que, segundo as informacións coas que conta, o barco sufriu na pasada noite unha "avaría" na sala de máquinas, un posible lume, co que "fallou" a maquinaria e "provocou a situación".

O quimiquero, precisou, non tiña carga e "a tripulación atópase ben", a bordo do propio buque. "Está sempre o perigo da vertedura do propio fuel, pero esperemos que tampouco se produza", finalizou.

BNG

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, xunto co representante no Parlamento galego Xosé Luís Rivas, desprazáronse este sábado ata a ría de Ares para denunciar a "desprotección da costa" e demandar as transferencias de seguridade marítima e protección do litoral á Xunta para pór medidas ante accidentes como este.

Con bandeiras de Nunca Máis e tras desexar a rápida resolución do operativo, Néstor Rego denunciou que "dezasete anos despois do 'Prestige' continúe habendo novos accidentes" na costa galega "sen medios adecuados para previlos e evitalos".

Así, anunciou que o BNG reclamará tanto no Congreso como na Cámara galega "información sobre todo o que sucedeu desde que se recibiu a primeira chamada de alerta e cales foron os medios que se puxeron para evitar que o barco acabase encallando".

Ademais, Rego subliñou que "é hora de que, dunha vez por todas, Galicia asuma as competencias sobre a súa costa e, por tanto, sobre tráfico e seguridade marítima, xa que non deixa de ser sorprendente que o centro de control de Salvamento Marítimo estea en Madrid".

O deputado nacionalista destacou que, ademais de ter maior coñecemento en Galicia da costa desta zona, está "a perderse un tempo de relevancia" en situacións como esta. "Tampouco resulta aceptable que os medios de salvamento estean privatizados, xa que non pode ser un negocio senón que ten que ser unha prioridade pública e, se o noso país ten o control sobre a nosa costa, tamén teremos moitos máis recursos para xestionar", apuntou.

En canto á situación da ría de Ares, Rego lembrou que, en 2014, "o Goberno español decidiu que pasara a ser área de servizo dos portos da Coruña e Ferrol e, por tanto, a área de fondeamento de buques, sen que houbese ningún recurso para evitar casos de contaminación nin medios dispoñibles para facer que esa función non teña consecuencias negativas".

Cando xa pasaran máis de doce horas do accidente, Néstor Rego mostrou tamén a súa preocupación por que non se instalaran as barreiras de contención para prever unha posible contaminación das augas xa que, "con independencia de que o barco fose baleiro, pode haber toneladas de combustible a bordo que non foron retiradas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

12 Gamela

segundo se pode ver nas fotos, a este barco non o sacan a non ser que veña un tsunami ! está embarrancado e non haberá forma humana de movelo ! https://elpais.com/elpais/2019/11/2...

11 anonimo

Lembrádevos do cerqueiro do outro día, os seus compañeiros tentaron quitalo de onde estaba e capitanía ordenou cortar os cabos, e a este deixan quitalo ........

10 Violeta 4

Venga, Nunca Mais 2ªparte. Muchos de la sinistra nacionalista están hoy que no duermen deseando una catástrofe para pillar moqueta y no soltarla nunca máis. A tomar las calles, a suspender las clases, la culpa del PP.

9 patrulleira portuguesa

A foto e reveladora ... o barco encallado e non solta pinga de petróleos químicos... enton levar o buque o mar adentro foi o peor que puderon facer... lembren a coartada do gobernó do asanarato pepeiro.. lembren as mentiras da xustiza expañolenta cando dixeron que non había que embarrancar o barco... foi todo mentira esta foto demostra que o loxico era embarrancar o barco na costa... enton non se terian producidos os danos na Galiza... expaña e o enemigo da Galiza

8 todo controlado

esto de fazer parte da Espanha é uma maravilha