Medio Ambiente asegura que a "prioridade" é baleirar o Blue Star das 100 toneladas de fuel

A armadora do barco encallado en Ares debe presentar este luns o seu plan de reflote.

Por Europa Press / Redacción | CORUÑA, A | 25/11/2019 | Actualizada ás 12:57

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, confía en que se reflote o Blue Star "canto antes" e que "non haxa contaminación".

En declaracións aos medios durante unha visita á cidade de Lugo, Vázquez puntualizou que durante todo o fin de semana "estivo a traballarse arreo". Así, asegurou que a Xunta, a través da Consellería do Mar e a de Medio Ambiente, "púxose a disposición do Ministerio de Fomento", que dirixiu os labores do reflote.

"O persoal de Medio Ambiente atópase na ría de Ares e esperemos que ao final non haxa ningunha incidencia, e as toneladas de combustible que ten o barco para o seu mantemento se fagan da mellor forma para que non acaben no mar e non haxa contaminación", desexou.

En canto ao fuel que leva o barco, constatou que se trata dun "bo número de toneladas" --ao redor de 100-- que, no caso de que os traballos non dean o seu froito, "non é un bo agoiro". No entanto, reafirmou que "se está traballando man a man e de xeito conxunto".

Despois de que o armador do 'Blue Star' contratase á empresa Smit Salvage para tratar de reflotar o quimiqueiro, a "prioridade" do Goberno central é baleiralo deste combustible. A conselleira confirmou que aínda "non" se produciu ningunha vertedura e expresou que o seu departamento está "á espera" dunha reunión con Fomento "para unha mellor coordinación".

Sobre os labores para desencallar o buque, Ángeles Vázquez manifestou que "o tempo ten moito que dicir", pero confía que "sexa canto antes, pola seguridade de todos".

O buque Blue Star encallado en Ares. CEDIDA
O buque Blue Star encallado en Ares. CEDIDA

PLAN DE REFLOTE

A armadora do 'Blue Star' deberá presentar "ao longo do día de hoxe" os seus plans para a extracción do combustible e posterior recuperación do buque, segundo informou o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada.

En declaracións aos xornalistas, tras participar en acto con motivo do Día da Eliminación da Violencia contra a Muller, sinalou que se está á espera "de que a navieira presente os plans que se lle esixiu para a extracción do combustible que ten o buque e o plan posterior para a súa "extracción ou reflote".

"Ao longo do día trasladaránnolos", apuntou Losada, quen precisou que a empresa xa está a facer "labores de estudo de como está o buque por medio duns submarinistas que contrataron". Ademais, reiterou que medios da Sociedade Estatal de Salvamento Marítimo (Sasemar) e de Marina Mercante están "a controlar todo o dispositivo".

Sobre a empresa que se encargará do reflote do buque, o delegado do Goberno insistiu que "a navieira, dentro do plan de traballo, exporá os medios que quere e queira contratar". "Descoñezo que tipo de buques de apoio vai utilizar", sentenciou a este respecto.

Preguntado se para a retirada do combustible se lle deu un prazo, o delegado do Goberno insistiu en que "ao longo do día de hoxe teñen que presentar un plan de traballo para facer esa extraccion e con todas as seguridades que require extraer o combustible".

Por outra banda, recalcou que están "en alerta" os plans de protección dos portos de Ferrol e da Coruña. "Todo o material que temos nas distintas bases". "E está o Don Inda e outros buques de Salvamento controlados por se é necesario", lembrou.

Por todo iso, instou a deixar que os técnicos "vaian tomando as súas decisións". "E por agora esas decisións son correctas", apostilou.

Por outra banda, confirmou que a secretaria xeral de Transportes do Ministerio de Fomento, María José Rallo, se desprazou ata A Coruña para manter unha reunión no transcurso da mañá na Torre de Control Marítimo para abordar as medidas relativas ao rescate do buque.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta