BNG e En Marea insisten en pedir as competencias en salvamento marítimo, tras o accidente do Blue Star

Villares reclama que a armadora do quimiqueiro asuma o custo do rescate. Ana Pontón asegura que tras o Prestige "o Estado non tomou nota".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2019 | Actualizada ás 15:04

Comparte esta noticia

O BNG e En Marea coincidiron en que o caso do quimiquero Blue Star, varado na ría de Ares desde a madrugada do venres, demostra que o Estado debe transferir a Galicia as competencias en salvamento marítimo. En roldas de prensa celebradas este luns en sede parlamentaria, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o portavoz de En Marea, Luís Villares, lamentaron que 17 anos despois da catástrofe do Prestige "as cousas seguen igual" e as costas galegas permanecen "desprotexidas".

Para Pontón, "o Estado non tomou nota" do sucedido co Prestige e "non actúa con dilixencia" en casos como o do Blue Star, que constitúe "un novo exercicio de incompetencia" por parte das Autoridades centrais. Criticou tamén que non se pedisen medidas de contención nin se esixise á armadora desde un primeiro momento que baleirase "as 45 toneladas de fuel e 60 de gasóleo" que leva o buque, aínda pendente de ser retirado das rocas nas que encallou fai xa tres días.

Por iso, retomou a petición de que o Estado transfira a Galicia as competencias en Salvamento Marítimo, xa que, ao seu xuízo, "quen mellor que os galegos para protexer o seu litoral, que non pode estar defendido 600 quilómetros terra dentro", en referencia a que a central de salvamento sitúase en Madrid. Ana Pontón lembrou tamén que o PPdeG é o culpable de que na actualidade o Congreso "non estea a debater" unha lei proposta polo Bloque para lograr a transferencia, xa que os votos dos populares no Pazo do Hórreo tombaron unha proposición lexislativa presentada polos nacionalistas a comezo deste ano.

EN MAREA PIDE QUE ARMADORA PAGUE

Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, reclamou que a armadora do Blue Star sufrague o custo do operativo de rescate nos últimos días e que leve a cabo unha investigación das causas do sinistro. "Aínda que o risco non é alto porque o buque ten dobre casco, as barreiras anticontaminación non serían efectivas en caso de temporal como o que hai estes días", alertou. Tamén pediu que se obrigue ás armadoras a contar cun seguro que cubra o rescate dos seus buques.

O buque 'Blue Star' encallado na costa de Ares (A Coruña). IAGO VARELA
O buque 'Blue Star' encallado na costa de Ares (A Coruña). IAGO VARELA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta