O Colexio de Xornalistas censura a "espectacularización" dos crimes machistas

Neste 25 de novembro o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia fai balance das melloras e das eivas no tratamento informativo da violencia contra as mulleres, quince anos despois da Declaración de Compostela.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2019 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

O 16 de outubro de 2004 máis de setenta xornalistas e axentes sociais asinaban a Declaración de Compostela, un documento que recoñecía a responsabilidade dos medios de comunicación na loita contra a violencia machista e que ofrecía unha guía para a práctica informativa diaria. Unha iniciativa impulsada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a través do seu Observatorio de Medios.

O pai de Diana Quer, Juan Carlos Quer, atende os medios de comunicación. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O pai de Diana Quer, Juan Carlos Quer, atende os medios de comunicación. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Quince anos despois, o CPXG convida xornalistas de diferentes xeracións a avaliaren os avances conseguidos e os cambios pendentes na abordaxe da violencia de xénero nos medios de comunicación galegos. Durante a xornada o CPXG compartirá nas redes sociais as reflexións de Belén Puñal, unha das impulsoras da Declaración de Compostela; Cláudia Morán, integrante de Xornalistas Galegas; Rita Alonso, profesional de TVE en Galicia e María Xosé Porteiro, xornalista.

Hai coincidencia en valorar moi positivamente os pasos adiante na identificación da violencia machista como un problema social de primeira orde e na sensibilización contra o machismo estrutural que a causa. Tamén se percibe un maior compromiso nas redaccións, especialmente das xornalistas. Con todo, detéctase unha "perigosa tendencia á espectacularización e mercantilización destas informacións", en coberturas como a do triplo crime machista de Valga ou a do asasinato de Diana Quer.

Moito camiño andado e moito camiño aínda por andar. Logo de quince anos, a Declaración de Compostela segue sendo un horizonte non alcanzado na abordaxe informativa da violencia machista: na identificación das diferentes formas de violencia como unha violación dos dereitos humanos, no coidado das fontes, no rexeitamento do morbo e dos estereotipos... Entre os recursos que o CPXG pon a disposición das e dos xornalistas está tamén a Guía para o tratamento informativo da violencia contra a muller Informa_Dor, realizada en colaboración co Colexio de Psicoloxía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Semella que imos saber máis das "relacións familiares no caso Quer" que do procedemento xudicial ou penal (?) Sigo pensando que onde hai cartos hai prensa disposta a dar morbo e mesmo a considerar "noticia de alcance" que o pai sexa expulsado da sala por falar (?) Home se lle metera catro ostias igual eso sí fose noticia de alcance... Pero hai que vender aínda que non haxa NADA QUE VENDER !!!

1 Pitito

Tarde piaches!!! E total pa na!!! Os medios vn seguir igual....