Miles de persoas marchan contra a violencia machista en toda Galicia

Institucións, asociacións e diversas entidades participan en actos no Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2019 | Actualizada ás 20:53

Comparte esta noticia

Miles de persoas saíron á rúa en numerosas manifestacións por todo o territorio de Galicia como parte dun clamor social contra o machismo e os feminicidios, en conmemoración do 'Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres'.

Manifestación en Vigo no Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres
Manifestación en Vigo no Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres | Fonte: Eva Solla.

A capital galega foi unha das case 30 localidades nas que o movemento feminista galego convocou marchas neste 25 de novembro. Centos de persoas congregáronse na Praza 8 de Marzo de Santiago de Compostela, sobre as 20,00 horas, para denunciar as diversas violencias machistas que persisten na estrutura da sociedade, e que se reproducen en todos os ámbitos.

A comitiva aglutinouse tras unha pancarta na que se lía 'Rebelión, desobediencia, contra a súa violencia' e saíu do lugar pasadas as 20,00 horas para cortar o tráfico e iniciar o percorrido cara ao centro urbano compostelán entre consignas como "Somos o berro e as que non están" e tamén "Imos romper coa violencia estrutural".

A marcha penetrou na zona vella de Santiago para celebrar o seu acto central na praza de Praterías, onde se leu o manifesto da plataforma.

No texto denunciaron que, dos 93 asasinatos de mulleres, só 51 deles constan nas cifras oficiais como violencia machista e criticaron a existencia dunha "estrutura patriarcal" que reproduce as fórmulas "en todos os ámbitos", desde a contorna laboral ata o académico e familiar e sexual.

O colectivo criticou a "fenda de xénero" nos salarios de homes e mulleres e a situación daqueles "sectores feminizados", como limpadoras, coidadoras ou camareiras de piso, que teñen a "precarizarse" e sufrir peores condicións laborais.

A iso ligaron o chamado "teito de cristal" e as dificultades das mulleres para ver recoñecidos os seus méritos, éxitos laborais e crecer profesionalmente.

Sobre todo, o colectivo incidiu en varias realidades especialmente sanguentas: a situación das migrantes, das mulleres trans, a violencia sexual e aquela que se produce no ámbito privado, neste último caso reproducindo esquemas sociais nos que o home tenta controlar e minar a confianza da súa parella.

MÁIS DE 25 PROTESTAS

A imaxe repetíase esta mesma xornada en numerosas localidades de toda a xeografía galega. En concreto, na Coruña, A Estrada, A Gudiña, Ames, As Pontes, Betanzos, Cambados, Carnota, Cee, Celanova, Ferrol, Lalín, Lugo, Marín, Melide, Miño, Monforte, Ourense, Padrón, Pontevedra, Ribeira, Sarria, Val Miñor, Verín, Vigo, Vilalba e Vilagarcía.

Ademais das convocatorias das organizacións e plataformas feministas galegas ao longo deste luns celebráronse numerosos actos institucionais nas principais cidades, impulsados sobre todo polas corporacións locais como polas deputacións provinciais.

En Lugo, por exemplo, centos de persoas participaron no Camiño contra as Violencias, durante a mañá, nunha marcha encabezada pola deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou á súa vez no acto de arranque da quinta edición do programa 'Abrandares en acción. Violencia Zero'.

O Pazo provincial de Pontevedra acolleu a representación da performance 'Pan duro I', das artistas Ana Gesto, María Marticorena, Isabel León e Ana Mateo, coa que reivindicaron a necesidade de romper co sistema machista e patriarcal que mata as mulleres polo mero feito de selo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Outra que se apunta a un bombardeo, Carmela Silva (feminista de salón) !!!