Así son as especies exóticas que invaden as augas continentais de Galicia

Científicos do Grupo de Investigación en Ecoloxía acuática continental (GRECO) da Universidade de Xirona actualizan a lista de especies exóticas introducidas en augas interiores da península ibérica –incluíndo augas salobres e estuarinas–, cun 30% máis que en rexistros anteriores. Para o caso galego, falan dun atraso histórico nas datacións das identificacións e advirten da "capacidade de colonización abafadora" do cangrexo azul, entre as novas especies detectadas aquí.

Por Alberto Quian | Madrid | 26/11/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As especies exóticas invasoras teñen enormes impactos económicos e ecolóxicos nos ecosistemas acuáticos. O seu ritmo de introdución e naturalización en augas continentais non diminuíu nos últimos anos, polo que se fai necesario actualizar as listas destas especies e determinar as súas vías de introdución e a súa orixe. Con este obxectivo traballaron membros do Grupo de Investigación en Ecoloxía acuática continental (GRECO) da Universidade de Xirona (UdG), centrados na península ibérica, onde o Portugal continental e Galicia foron tratados como subrexións polas súas características singulares, principalmente xeográficas, climatolóxicas e temporais na introdución das especies.

Exemplar de cangrexo azul atopado na ría de Vigo
Exemplar de cangrexo azul atopado na ría de Vigo | Fonte: Ecología Azul.

Os investigadores actualizaron a lista de especies exóticas introducidas en augas continentais, incluíndo augas salobres e estuarinas, da península ibérica. Analizaron as características e patróns de asociación máis relevantes destas especies (rexión de orixe, grupo  taxonómico, vía de introdución e hábitat principal) e as tendencias de introdución.

Identificaron 125 especies introducidas en augas continentais ibéricas e 24 máis cun estatus incerto, o que representa un “aumento do 30%” respecto dos rexistros anteriores

En total, identificaron “125 especies claramente introducidas en augas continentais ibéricas”, mentres que “24 especies adicionais máis teñen un status incerto, poderían ser introducidas ou non, ou non presentan (aínda) poboacións autosuficientes”. Comparando eses valores con estudos anteriores, representan un “aumento do 30%”, explican os autores, Rafael Muñoz Mas e Emili García Berthou, en declaracións para Galicia Confidencial.

Ao comparar diferentes características das especies introducidas (orixe, grupo taxonómico,  vector de introdución e hábitat colonizado), observouse que “existen grupos entre estas variables e que, por tanto, as medidas de protección e erradicación deben ser específicas para cada grupo”, achegan os investigadores.

Tamén se observaron diferenzas temporais nas taxas de introdución e no momento en que estas ocorren, xa que se pensaba que habería diferenzas segundo territorios. Os resultados desta análise indicaron que, “aínda que había diferenzas entre territorios (estas ocorrían máis tarde en Portugal e, especialmente, en Galicia), estas diferenzas están a desaparecer".

"O atraso histórico de Galicia e Portugal nas primeiras datas de rexistro de especies exóticas está a esvaecerse, o que suxire un aumento das taxas de propagación"

“O número acumulado de especies  naturalizadas por ano en toda a península ibérica, Portugal continental e Galicia representaron tendencias temporais similares, pero con taxas máis baixas nas últimas dúas rexións en comparación con toda a península ibérica”, explican os investigadores, que calculan eses atrasos en entre 60 e 100 anos.

Considerando toda a península ibérica, destacan que “as taxas de introdución parecen estar a experimentar unha diminución ou alcanzar a estabilización”. Con todo, apuntan, “isto non é aplicable a Portugal e Galicia, onde o atraso histórico nas primeiras datas de rexistro de especies exóticas está a esvaecerse, o que suxire un aumento das taxas de propagación”.

Segundo a lista  compilada de especies de animais exóticos naturalizados deste estudo, obsérvase que “algúns grupos taxonómicos de especies, particularmente diversos e capaces de prosperar en territorios alleos, como poidan ser os ostracodos, están subrepresentados en Portugal e Galicia".

Máis detalladamente, explican que “o esforzo investido para caracterizar estas comunidades na parte occidental (tanto en Portugal como en Galicia) foi menor”, o cal “pode levar á diminución do número de ostrácodos invasivos rexistrados nestas rexións”, poñen como exemplo (os ostrácodos son unha clase de crustáceos de moi reducido tamaño, normalmente entre 0,1 e 2 milímetros; coñécense unhas 13.000 especies actuais e estímase que se describiron 65.000 especies fósiles).

CASO GALLEGO

Os científicos escolleron Galicia como unha unidade para comparar porque “había unha revisión previa publicada e tense constancia das diferenzas históricas no número de introducións e nas datas, sendo estas tradicionalmente posteriores”.

En concreto, recuperan o estudo ‘Temporal trends in non-indigenous freshwater species records during the 20th century: a case study in the Iberian Peninsula’ (2010), realizado por investigadores do Departamento de Zooloxía e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela, da Estación de  Hidrobioloxía 'Encoro do Con' (Vilagarcía de Arousa) e do Departamento de Bioloxía Animal, Bioloxía Vexetal e Ecoloxía da Universidade da Coruña. Neste, os seus autores destacaban que “os rexistros de especies de auga doce non nativas” en Galicia “son recentes en comparación co resto da Península”.

Ademais de especies de introducción antigua, como a tartaruga de Florida, a carpa ou o cangrexo americano, destacan a chegada a Galicia do cangrexo azul, con "capacidade de colonización abafadora”

Os investigadores da Universidade de Xirona servíronse dos datos deste estudo, xunto a outras referencias bibliográficas recompiladas, proporcionando a base de datos utilizada para realizar a comparativa.

Sobre os tipos máis relevantes en Galicia, ademais das especies invasoras de introdución antiga, como a tartaruga de Florida (Trachemys scripta elegans), a carpa (Cyprinus carpio) ou o cangrexo americano, tamén coñecido como cangrexo vermello (Procambarus clarkii), destacan a chegada do cangrexo azul (Callinectes sapidus) que, “aínda que se explota de forma comercial, demostrou ter unha capacidade de colonización abafadora”, indican.

Grazas á dispoñibilidade de máis estudos e datos, pódese observar certas tendencias na introdución destas especies en Galicia. Así, explican os expertos da UdG, “quizais debido a que agora se estuda con máis detalle, destaca un aumento do número de especies de augas  salobres e estuarinas que, aínda que non presentan poboacións abundantes, representan unha porcentaxe alta do total de especies establecidas en Galicia”.

Esclarecen, ademais, que “moitas das especies establecidas na península, unha vez presentan poboacións estables, é moi probable que acaben introducíndose nas concas adxacentes localizadas en Galicia”.

"Galicia foi, tradicionalmente, receptora de introducións secundarias e, por tanto, posteriores no tempo"

Os científicos falan dun atraso histórico nas datacións de rexistros aquí, o cal ten unha explicación: “Galicia non foi, tradicionalmente, onde as especies descritas no estudo foron introducidas por primeira vez. Neste sentido pode considerarse que Galicia foi, tradicionalmente, receptora de introducións secundarias e, por tanto, posteriores no tempo”, clarifican.

ESPECIES DESTACADAS

En total, para o conxunto da Península Ibérica, os investigadores identificaron 125 especies xa naturalizadas e outras 24 que teñen un establecemento incerto ou estado nativo. De que tipos de especies falamos?, cales son as máis relevantes? Os autores do traballo comentan que “todos os maiores grupos  taxonómicos animais teñen algún representante introducido nos ríos ibéricos e Galicia non é unha excepción, aínda que, en liña coa súa menor extensión xeográfica, ten un menor número de especies introducidas”.

En conxunto, os grupos  taxonómicos con máis especies son os crustáceos (28%), principalmente ostrácodos (13.6%) e decápodos (7.2%).

Entre as especies, os autores do estudo destacan algúns dos maiores invasores mundiais, como son a gambusia (Gambusia holbrooki) e o peixe sol (Lepomis gibbosus), ademais da carpa e o cangrexo americano.

Case o 70% das especies identificadas na península ibérica proveñen de América e Asia, sendo os crustáceos o grupo máis numeroso

Sobre as rexións de orixe das especies exóticas invasoras de augas continentais, os expertos destacan “América do Norte como orixe de peixes e decápodos (cangrexos)”. “Con todo, a maior parte de invertebrados son orixinarios de Asia”, matizan.

En concreto, a gran maioría das especies naturalizadas teñen orixe en América e Asia (36,4 e 33,3%, respectivamente), seguidas de Europa (17,4%) e  Oceanía ou África (13,1% en total)

Pero como se introducen estas especies?, cales son as súas principais vías de entrada? Segundo explican os científicos a este xornal, “os peixes e decápodos foron tradicionalmente liberados ao medio de forma intencionada, antigamente en programas oficiais e actualmente de forma ilegal pero pouco controlada”. E tamén destacan “escapes de piscifactorías”. Por último, engaden, “considérase que o resto de invertebrados foron maioritariamente introducidos a través das augas de lastre ou por contaminación ao trasladar outros animais de interese comercial”.

DATOS ACTUALIZADOS

Que achega de novo e orixinal este estudo? Segundo os seus autores, “actualiza e fai ‘accesible’ a lista de especies introducidas na península ibérica”, o que facilita a detección destas ao persoal implicado no manexo e xestión das augas continentais ibéricas”.

Neste sentido, subliñan que “ter un maior coñecemento de que especies foron introducidas debería facilitar deteccións inequívocas e máis rápidas, ao mellorar o coñecemento dos axentes implicados”.

Os científicos agardan que os seus datos “apremen as administracións para mellorar e aumentar os programas de prevención, manexo e erradicación de especies invasoras"

Outra achega substancial deste estudo é que “analiza patróns entre estas especies, o que debería facilitar o desenvolvemento de protocolos de prevención e erradicación máis específicos para cada grupo  taxonómico”.

Finalmente, os seus autores esperan que “apreme as administracións dos territorios comparados a mellorar e aumentar os programas existentes de prevención, manexo e erradicación de especies invasoras en augas continentais”.

Os resultados do estudo publícanse na revista científica Science of TheTotal Environment, nun traballo titulado ‘Alien animal introductions in Iberian inland waters: An update and analysis’.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta