Queres informarte sobre as 263 novas prazas de emprego público?

Publicadas catro convocatorias de procesos selectivos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2019 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes catro convocatorias de procesos selectivos para cubrir 263 prazas de emprego público. Son prazas de persoal funcionario e persoal laboral fixo dos niveis máis altos da Administración galega, segundo explica a  Consellería de Facenda nun comunicado de prensa. Todas son de libre acceso e forman parte das 1.161 prazas anunciadas en outubro, engade.

Ademais, indica que as convocatorias publicadas inclúen procesos selectivos para reforzar os distintos centros e servizos da administración autonómica. En concreto, convócanse 133 prazas no corpo superior (A1) --máis do triplo que na convocatoria de 2018-- e 65 prazas no corpo de xestión (A2), o que supón un incremento, segundo resalta a Xunta, de "máis do dobre con respecto ás convocadas o ano pasado".

Inclúen tamén 43 prazas para persoal laboral fixo do grupo I e 22 para o grupo II. O sistema selectivo será o de concurso-oposición, "tal e como recollen os acordos de estabilización asinados entre a Administración galega e as organizacións sindicais", destaca Facenda.

Os primeiros exercicios dos procesos selectivos de persoal funcionario serán simultáneos e coincidentes cos do persoal laboral, segundo a consellería. Todas as convocatorias inclúen as normas xerais, os requisitos que deben posuír as persoas que queren inscribirse nas probas, os exercicios a realizar e os programas que rexerán os distintos procesos selectivos. A Xunta publicará a lista de admitidos e excluídos en cada convocatoria. "Xunta e sindicatos continúan negociando as convocatorias de promoción interna para estes corpos e escalas", segundo a nota do departamento autonómico.

20 DÍAS HÁBILES

O prazo de inscrición abre este mércores e termina o próximo 27 de decembro, con que os interesados en participar terán 20 días hábiles para facelo constar. Deberano facer a través do modelo de solicitude que se facilita en internet e mediante o abono da taxa que estea vixente no momento de presentala.

Oposicións en Galicia. XUNTA - Arquivo
Oposicións en Galicia. XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta