Falan os pais: por que os profesores non queren dialogar?

Os pais de alumnos acusan de alarmismo innecesario o informe de ANPE sobre conflitividade nas aulas e ao mesmo tempo, ven que cada día é máis “complicado” establecer contacto cos claustros de profesores. Demandan máis implicación na vida interna dos centros e reclaman que o profesorado asuma a súa parte de funcionariado ao seren membros da administración pública.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 27/11/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Asociacións de pais e nais de alumnos están en desacordo coas manifestacións dalgúns profesionais do ensino sobre o aumento de conflitos entre alumnos e educadores. As posturas van desde a acusación de “alarmismo innecesario” ata que o problema que estas asociacións detectan é unha dificultade cada vez maior para falar cos profesores sobre calquera tema. Tamén sinalan as organizacións de pais e nais a reticencia por parte de profesores a realizaren tarefas que entenden lles corresponderían por seren funcionarios da administración. Acusan tamén de sobre-burocratización as relacións entre os diferentes segmentos da comunidade escolar.

Aula baleira no IES de Brión. ANPA IES DE BRIÓN
Aula baleira no IES de Brión. ANPA IES DE BRIÓN

ALARMISMO

O presidente da Confederación de ANPAs Galegas (ANPAs galegas), Fernando Lacaci estimia que o informe do Defensor do Profesor que abordou Galicia Confidencial nunha anterior información,  está creando un “alarmismo innecesario ademais de que a proporción de casos como os que se describen no informe é ínfima”. Lacaci apunta ademais que “fraco favor se lle está facendo ao ensino público” cun documento como o elaborado polo Defensor do Profesor.

“O que si detectamos é que cada vez resulta máis complicado falar cos profesores sobre calquera tema ou ámbito” declara Rogelio Carballo, presidente de CONFAPA (Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos). “O profesorado é funcionario cando lle convén e non o é para o que non quere” sinala Carballo.

As posturas desde as dúas asociacións de pais e nais non poden ser máis frontais cara o manifestado desde sindicatos de profesores. Aínda máis cando analizan brevemente as causas da conflitividade apuntada en centros de ensino. Unha delas é a de querer “eliminar” ao ou á estudante considerada fonte de conflito. “É perverso eliminar a fonte do conflito cando o alumno non crea por si mesmo esa situación” di Fernando Lacaci, e engade “a cuestión é que non se investigan as causas”. Xunto a isto, Lacaci considera que tampouco é o mellor afastar aos alumnos “conflitivos” do ensino ordinario para “aillalos” en áreas formativas moitas veces carentes de especialistas que traten os problemas destes estudantes.

A falta de valores ou ter por referentes persoas que só transmiten superficialidade e a falta de horas para a conciliación, son puntos que os educadores indican que están detrás da situación actual nos centros educativos. “A min paréceme unha análise moi superficial, hoxe en día entendemos por falta ou insulto cousas que antes non o eran” di Rogelio Carballo, porque entende que “o noso nivel de esixencia é moi alto e iso fainos máis sensibles”.

MÁIS FORMACIÓN PARA O PROFESORADO?

Os novos modelos sociais para a integración de colectivos historicamente discriminados precisan de  persoal especialista. Deberan ser os profesores dentro os que atendesen esta demanda? “A responsabilidade é dos administradores, non dos profesores, non podemos esperar que os educadores sexan heroes, necesitan polo menos unha formación mínima” declara Fernando Lacaci.

Esa atención á diversidade dentro dos centros galegos “estaba en cueiros cando se aplicaron os recortes por culpa da crise, fan falta fondos, mais a Consellería de Educación é pouco dialogante, ademais que debera pensar máis a longo prazo e non no inmediato” en cuestión de investimentos, analiza Lacaci.

Volvendo ao tema da formación dos profesores, a opinión dalgúns pais é que en determinadas áreas especializadas, os profesores deberan ter contacto coa vida profesional e non “quedar trinta ou corenta anos sen ver como evoluciona por exemplo, a electrónica e seguir dando esa materia da mesma maneira que hai décadas” sinala Rogelio Carballo.

Por que se piden profesores máis formados? “Porque a sociedade cambiou moito e o profesorado debera asumir que os pais temos máis criterio e podemos dar máis opinións” di Carballo. Desde a CONFAPA sinalan a escasa asistencia a cursos de reciclaxe para profesores.

INTEGRACIÓN DOS PAIS NA VIDA DO CENTRO EDUCATIVO

Unha idea apuntada desde o profesorado para explicar a actual situación que viven os menores en centros de ensino, é falta de conciliación dentro das familias. “A conciliación é un problema máis laboral que educativo, os horarios laborais non coinciden para nada cos horarios lectivos” explica Lacaci. Por outra parte, sinala que a familia non ten nunha función académica e que se se buscan solucións, estas pasarían por “reducir xornadas e ter os mesmos salarios ou reclamar á administración laboral que atenda xa esta demanda” para crear mesas de diálogo ou negociación.

Outro tema pendente para algunhas asociacións é a de integrar plenamente aos pais e nais no funcionamento do centro educativo. O motivo non é outro que evitar a xa mencionada falta de diálogo entre docentes e pais. “Aqueles centros con consellos escolares que integran aos pais na vida do centro funcionan ben, onde o profesorado escapa das tarefas administrativas non se acepta disentir do que diga o claustro de profesores” apunta Carballo.

Sobre este último punto, Rogelio Carballo sinala que lle resulta sorprendente que moitos centros non teñan en funcionamento a Comisión de Convencia Escolar. “É competencia do centro que esta comisión funcione se se quere evitar a conflitividade nas aulas”. Se a Comisión non funciona é como “trasladarlle a responsabilidade aos pais cando son os centros os que teñen unha ferramenta que non utiliza”.

Asociacións de pais e nais de alumnos en Galicia reclaman máis medios para evitar situaciónsen que as aulas se volvan incontrolables. Entre eses medios están especialistas para atender a diversidade, abordar dunha vez a conciliación desde unha perspectiva familia-traballo-escola e a definitiva posta en marcha de aparellos como as comisións de convivencia escolar. E o máis importante, superar a falta de diálogo entre pais e docentes, xunto a unha maior atención por parte da Consellería de Educación en canto a dotar de medios os centros para o seu mellor funcionamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

2 anonimo

Non vexo, para nada, que os profesores " non queiran dialogar",nen que sexan funcionarios " so para o que lles interesa" ( afirmación moi retórica, pero sen contido, porque non sei coma ían facer os profesores para " deixar" ou " non ser" funcionarios). O que pasa é que algún pais queren " delegar" a educación dos seus filos nos profesores, e bótanlles a eles a culpa de todo. Hoxe ninguén quere asumir a culpa de nada. As culpas, sempre, sempre, sempre, sempre son alleas.

1 Fu man chu

E ademais queren que llelos aproben "by the face". Eses son magníficos ainda que o rapaz non aprenda nada (nin en contidos nin en educación)..., pero se llelo aproban é un profe magnífico.

2 Gamela

De feito alguén debera preguntarlles a tanta Confederación e Federación de ANPAS se teñen noticia dalgunha denuncia por aprobados xerais (mesmo notables e sobresaíntes xerais) aínda que o profesor non viñera ás clases a metade do curso (baixas prolongadas) ou simplente adicárase a poñer películas durante o curso enteiro ??? Nin unha soa denuncia por NEGLIXENCIA na funcion docente (cando o aprobado con nota está garantizado!) // Eses casos existen e non son dous nin tres no Ensino Medio, Precisamente para quitarse do medio as reclamacións contínuas de pais e nais (amáis de ser un puro FRAUDE!) As ANPAS coñecen perfectamente eses casos, pero calan e miran para Cuenca !!!

1 Gamela

Par empezar hai tal maraña de federacións, confederacións e todo tipo de chiringuitos no que atinxe aos pais e nais que á hora da verdade precisaríamos ter un croquis tipo "Radiografía de En Marea" para saber a quén temos diante para FALAR ! Segunda cuestión importante: ¿de que queren falar os pais cos profesores dos seus fillos/as? Case exclusivamente do mesmo de toda a vida: exames e notas! E para iso xa están os titores! Terceiro tema cabreante: cando os pais e nais veñen falar do que falan nos seus Grupos de Whatssap a distorsión das conversas é de tal calibre que mellor calar e mirar ao chan antes de mandalos á "merda" !!! A partires de aí poderíamos falar do que falan os pais nos Consellos Escolares (salvo contadas excepcións) é todo un Poemario de Impertinencias que moi poucos profesionais estarían dispostos a soportar !!! (Continaurá)

1 Fu man chu

mira que non estou de acordo en casi nada contigo, pero nisto ao 100%. Poden ir falarlle con esa prepotencia aos dos bancos, aos das empresas onde traballan ou aos que lles poñen as multas cando se pasan de velocidade. Hai pais aos que hai que darlles de comer a parte. Pero vendo como os tratan os seus fillos un xa o entende. Pura miseria.