O persoal de centros de maiores recorre a hipnosedantes para aguantar as duras condicións laborais

CC.OO advirte que os problemas físicos, a ansiedade e a tensión levan ao sector á automedicación pola carga de traballo excesiva.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2019 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

Sobrecarga física e mental, ansiedade, depresión, dor muscular... é a realidade diaria que afrontan os traballadores de centros de maiores e atención a dependentes, sometidos a unhas condicións laborais por carencia de medios e problemas organizativos que os leva a recorrer á automedicación e ao uso de sustancias hipnosedantes para sacar adiante a súa xornada laboral.

O sindicato CC.OO. está a percorrer o país para advertir desta situación a través dunha campaña 'Os teus dereitos, o mellor medicamento' impulsada pola Secretaría Confederal de Saúde Laboral, a Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios e coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas.

O obxectivo é informar e sensibilizar a estas traballadoras sobre as consecuencias do consumo de fármacos. A excesiva carga de traballo, ritmos de traballo altos ou o baixo recoñecemento son algúns dos factores que derivan en problemas músculo-esqueléticos, insomnio, esgotamento ou depresión.

Galicia conta con 16.000 traballadores neste tipo de centros, dos que 90 por cento son mulleres. O 80 por cento manifestan dor en máis de tres ou catro partes do corpo, que tratan con antiinflamatorios ou analxésicos.

Segundo os datos dos dous últimos estudos que hai en relación á poboación laboral dentro do Plan Nacional de Drogas e que se fan cada cinco anos, rexistrouse un incremento do consumo de hipnosedantes pasando dun 5,7% a un 8,6%, en paralelo ao descenso doutras sustancias como o 'cannabis'.

José Rodríguez Valdés, do equipo da Secretaría Confederal de Saúde Laboral de CCOO, advertiu de que esta situación se converte en "crónica" co paso do tempo, posto que estes medicamentos non abordan os problemas que provocaron estes síntomas.

FALTA DE MEDIOS

Segundo Irene Álvarez, de Saúde Laboral e Emprego, trátase de "porlle cara" a esta parte da dependencia, e apuntou a carencia de "axudas técnicas" e a falta de materiais, a maioría "escasas" e con falta de mantemento.

Ao mesmo tempo, insistiu na necesidade de reformular a organización do traballo, que é onde está "a orixe das patoloxías" que sofren as traballadoras, e atallar esta carga "insoportable" que padecen no día a día.

Para iso, o sindicato urxe realizar unha formación adecuada en materia de prevención e unha mellor dotación de recursos humanos, ademais de insistir en que se se impulsan máis residencias no territorio estas deberán estar acompañadas de máis persoal.

"O 75% das traballadoras deste sector consome analxésicos ou antiinflamatorios para acougar as dores e porque coa idade, ata o 22% destas traballadoras consomen diariamente hipnosedantes", engadiu. Con estes datos, desde CCOO consideran que "non hai maior proba de que as condicións de traballo están mal deseñadas que os danos que se producen na saúde destas traballadoras".

Dependencia
Dependencia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta