O comité da planta de residuos de Lousame irá á folga o 7 de decembro

Reclama equiparar salarios aos de Sogama e Albada, nunha protesta que afectará a recollida de nove municipios do Barbanza.

Por Europa Press / Redacción | Lousame | 28/11/2019 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

O comité da planta de tratamento e recollida de residuos de Lousame (A Coruña) convocou folga para o próximo 7 de decembro, sábado, co fin de "corrixir" —no marco da negociación do convenio colectivo— "as diferenzas que existen nesta planta respecto doutras" de Galicia.

Comité da planta de residuos de Lousame
Comité da planta de residuos de Lousame | Fonte: CIG.

Esta folga afectará á recollida de lixo pola mañá e noite durante ese sábado nun total de nove concellos da mancomunidade do Barbanza: Ames, Rois, Brión, Lousame, Noia, Muros, Carnota, Porto do Son e Pontecesures.

Paulo Rubido, o representante da CIG, avisou de que no caso de que "a empresa non mova ficha xa no mes de decembro, a convocatoria estenderíase a máis días durante Nadal".

Os traballadores da planta de Lousame sinalan que co convenio colectivo queren cumprir o que se recolle no estatal para a consecución dun plus de tóxicos dun 25% máis. Ademais, existe o "agravante" de que nesta planta existe un "contacto máis directo, dado que a separación se fai manualmente".

En detalle, demándase conseguir —en entre tres e catro anos— un incremento con carácter lineal duns 250 euros, dos cales se cobran na actualidade uns 70 euros. Son uns traballadores con salarios "mileuristas".

Ademais, dáse a circunstancia de que esta planta "é a que ten mellor resultado do Estado", mentres é considerada "a segunda mellor" de recuperación e reciclaxe de Europa.

Esta planta de tratamento e recollida de lixo é unha das tres de reciclaxe que existen en Galicia con Sogama, en Cerceda, e a de Albada, na Coruña.

En concreto, denuncian que os traballadores de Lousame cobran "un 45% menos" que un empregado co mesmo posto e categoría en Sogama. A diferenza salarial cos de Albada é de "un 16%-17% menos".

O comité de empresa indica que se aprazou ata o "último momento" esta folga, conscientes dos prexuízos que pode carrexar na cidadanía, pero lamentan que levan "oito meses negociando" sen conseguir avances.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta