O alumnado fala sobre a súa educación: “están criminalizando á xente nova”

O estudantado estima que a autoridade dos profesores é case inexistente e por iso pode haber casos de conflito nos centros educativos. Critica que a crise económica trouxo recortes en educación que se traduciron en falta de renovación en contidos, creación de titulacións consideradas baleiras, e a creación dunha man de obra barata para o mercado de traballo.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 28/11/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Estudantes e representantes sindicais dos mesmos din que non coñecen en detalle o informe do Defensor do Profesor vinculado a ANPE. Para eles os verdadeiros problemas que afronta o ensino público en Galicia relaciónanse máis coa situación familiar, económica e persoal dos e das alumnas. A crise económica, a falta de contacto entre pais e fillos, sobre todo en familias traballadoras ou a falta de investimentos en educación, son os principais puntos que se deberan abordar nun debate sobre educación.

Estudantes.
Estudantes.

CONFLITIVIDADE

“Descoñecemos o informe do Defensor do Profesor, por iso non entramos a valorar” sinala Diego Serantes do Sindicato de Estudiantes. “Si temos constancia que en épocas de loita de clase a mocidade é unha punta de lanza, por iso algúns sectores sociais e económicos queren criminalizar a xente nova”. A “criminalización” sería apuntar á mocidade como un segmento da poboación que só sabe facer “botellón”, buscar conflitos nas aulas ou non queren facer nada coa súa vida.

Marta estuda bacharelato en Ferrol. Non se considera conflitiva e iso que estivo nunha aula durante a E.S.O., que “era moi conflitiva, non había repetidores, tampouco eran moitos os que viñan de familias desestruturadas e logo habíaos que facían o mesmo que os máis problemáticos, non sei por que”. Agora mesmo a súa aula non é como a descrita, aínda que houbo casos de “ataques” a algún profesor “porque non sabía impoñerse”.

O Sindicato de Estudiantes entede a actual crise económica como a raíz da maioría de problemas que atravesa a educación. “A falta de conciliación familiar débese a que os pais e nais están fóra, traballando en xornadas laborais longuísimas e ás veces en situacións complicadas” di Serantes. A isto súmalle que a situación económica actual fomenta estados de “conflito” nas aulas porque os mozos e  mozas transmiten a inestabilidade do fogar co seu comportamento. “Non é unha cuestión simplemente psicolóxica, é unha cuestión de crise económica”.

A idea dunha cidade de Ferrol en crise económica e laboral permanente fai pensar nun lugar pouco propicio para estudar. Non obstante, para Marta esa visión non é a real e as oportunidades de sacar adiante os estudos son máis unha cuestión de “como está planificado o sistema educativo” e non tanto o ambiente económico que vive o seu entorno.

DESESTRUTURACIÓN E DIVERSIDADE

As previsións cando se aprobou a LOMCE eran que a maioría de mozos e mozas tivesen titulación “porque así lles sería máis doado encontrar traballo”. Así buscábase que mozas e mozos sen rematar FP ou bacharelato tivesen unha formación básica para un oficio. “Realmente o que buscaban era reducir os índices de fracaso escolar outorgando títulos académicos, ademais de proporcionar man de obra barata para o mercado de traballo”.

Marta ten amigos e amigas en diversos centros da cidade onde vive e tamén en ciclos de FP básica. Preguntada sobre como ve a eses  mozos e mozas, é moi clara “polos que coñezo, son familias desestruturadas, que non os atenderon cando o necesitaban, non os animaron a estudar, así que pasado o tempo caeron na conta de que ter un título era necesario para moitas cousas”.

“A atención cara a diversidade tamén sofre os recortes da crise, na liña de afectar ás persoas que máis sofren” di Serantes. “A visión podería resumirse en para que imos investir neste apartado?, porque ao seren alumnos de pais e nais de sectores sociais febles, os poderes consideran que non darán problemas”. “No meu instituto houbo alumnos que se sentiron intimidados por algún profesor cando manifestaron abertamente a súa sexualidade” di Marta, que engade “mais de cara ao alumnado este punto está máis aceptado”.

FORMACIÓN DO PROFESORADO E AUTORIDADE

Os recortes en educación segundo os representantes de estudantes cos que falamos, tamén trouxeron un “desfase” na reciclaxe de coñecementos dentro do profesorado. As accións de formación para profesores en activo son “moi de cara para a galería” e desde a perspectiva do Sindicato de Estudiantes, “seguimos falando de investimento, cando se inviste é porque cres que podes ter máis e mellores resultados”.

Existe falta de autoridade dos profesores de cara os alumnos? “Hai que facer evoluír un sistema post-franquista onde o ou a profesora tiña unha presenza autoritaria, moi visibilizada”. Marta foi testemuña de agresións verbais e físicas entre alumnos. Como reaccionaron os profesores? “Fan máis caso cando son agresións físicas”. E como ve a actitude xeral dos educadores? “Penso que perderon toda autoridade, hoxe en día a máxima represalia é cambiar ao ou á estudante de centro, iso se non hai denuncias”.

Cinguíndonos á visión dalgúns alumnos e representantes dos mesmos, a conflitividade nas aulas podería ser consecuencia das circunstancias persoais do estudante. Iso por unha parte, porque por outra, non se pode descartar nunca que a acción duns poucos pode desestabilizar aulas de ata 30 alumnos. Por último, consideran que banalizar coa actitude dos máis novos, acusalos de non querer facer nada e que así é como nacen os conflitos nas aulas, é “criminalizar” á xente nova.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 anonimo

"Criminalizar"- Por favor. ¿Seica decir que algún, ou bastantes críos son insoportables e "Ciminalizalos" ? Ninguén fala de " crímenes". Fálase doutras cousas. O que pasa é que ninguén admite que o critiquen, e as culpas son sempre alleas.

2 Gamela

Eu sigo pensando que a acción duns poucos pode desestabilizar aulas de ata 30 alumnos pero non vexo que os alumnos incidan neste tema? Vimos aulas con 33 e 34 alumnos! Segundo a normativa actual os REPETIDORES non contan á hora de pechar os grupos segundo a Inspecion Educativa, así que meter 33 persoas nunha lata de sardiñas se no medio hai dous ou tres "aburridos da vida" a mala ostia pódese disparar calquera día ! Pero comprendo que outros teñan outras experiencias! O máis triste é que nesas circunstancias pérdese a oportunidade de coñecer ben ao alumnado e sobre todo as súas capacidades e habilidades... Repito que a LOXSE dicía que os grupos non poderían superar en ningún caso os 25 alumnos! E iso na vida se cumpriu !!! Pasa o mesmo que nas consultas de Atención Primaria (60 doentes por sesión) os que rematan enfermos son os médicos !!! Un país que non INVISTE en Educación é un país perigoso (VOX) !

1 Gamela

Máis que contar un conto ideolóxico aprendido de memoria non fora malo que un "representante dun Sindicato de Estudantes" lera o informe pero comprendo que non estamos para ler moito que é máis doado tirar de smatphone e de redes sociais e ir tirando co mantra de toda a vida: criminalizar aos estudantes? que expresión tan EXTRAÑA !!!