O gran reto dos medios: como loitar contra as noticias falsas e a desinformación?

Bulos e mentiras circulan sen pudor polas redes sociais. Uns bulos e mentiras que desinforman e contribúen a tensionar a vida social e política. Destacados comunicadores e xornalistas tentaron debullar nunha xornada en Santiago como facerlle fronte e atallar as coñecidas como 'fake news'. E estas son as súas conclusións...

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/11/2019 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A propagación das informacións e noticias falsas ou imprecisas a través de redes sociais, mensaxería ou os propios medios de comunicación son unha das materias ás que debe facer fronte a comunicación actual, unha guerra contra as 'fake news' na que resulta clave "adestrar á audiencia" para que "saiban por si mesmos identificar unha mentira", tendo presente a premisa de que "vai ser sempre máis sexy que a verdade".

Fake News
Fake News | Fonte: Tecreview.com

Estas son algunhas das conclusións da mesa redonda 'As fake news como estratexia informativa', enmarcada na xornada 'Desinformación e ameazas á liberdade de expresión', organizada en Santiago polo Colexio de Xornalistas. Nela participaron Marilín Gonzalo, de Newtral.es; Patricia R. Blanco, do blog "Hechos" de El País; Eli Vivas, de Verificat; e César Peña, do Laboratorio de Innovación Audiovisual de RTVE, que presentaron as súas plataformas de verificación e as claves do traballo dos que loitan contra a difusión de informacións falsas.

Así, os expertos detallaron a súa experiencia particular para concluír que "é moitísimo máis difícil apagar unha noticia falsa que difundila", mesmo aínda que se empreguen ferramentas de verificación, dado que implica "volver cara atrás nas canles de difusión", algúns deles pechados como o Whatsapp ou o Telegram. "Temos un gran problema coa mentira, e é que a mentira vai ser sempre máis sexy que a verdade. Transmítese máis rápido e ten máis repercusión", dixo César Peña, para quen una das claves é "adestrar" á propia audiencia para que identifiquen "por si mesmos unha mentira" e non continúen coa súa difusión.

RESPONDER ÁS INFORMACIÓNS FALSAS

Aínda que recoñeceron que hai informacións que "son imposibles de verificar", os expertos incidiron na importancia de destacar as informacións e datos que non son certos e que, no entanto, difúndense. "Se non respondemos a estas informacións falsas, entón estamos ás avalar", dixo Patricia R. Blanco. Ademais de desmentir, a xornalistas incidiu en "crear un novo relato" que substitúa o espazo deixado pola 'fake new'.

Mesa “As fake news como estratexia informativa”, con César Peña, Lara Graña, Patricia R. Blanco, Marilín Gonzalo e Eli Vivas
Mesa “As fake news como estratexia informativa”, con César Peña, Lara Graña, Patricia R. Blanco, Marilín Gonzalo e Eli Vivas

Do mesmo xeito, animou aos medios a non promover que se cre espazo de debate ao redor de cuestións "que son unha realidade". "A violencia machista non é algo debatible, é unha realidade que está aí, e se entramos a debater se existe ou non, teriamos que debater tamén o creacionismo ou se a terra é plana", explicou. Os expertos nesta materia contaron que, desde que se popularizaron as plataformas que realizan verificación de discursos políticos, os representantes "dan menos datos verificables" e mesmo inciden menos en mentiras en foros como debates. 

UNHA "MISIÓN SOCIAL"

Na xornada participou tamén o xornalista da Repubblica Paolo Berizzi, ameazado por investigar o neofascismo, e que lembrou que, máis aló de dar "información rigorosa", os xornalistas teñen tamén "unha misión social". "A prensa foi demasiado tímida á hora de enfrontarse ao fascismo", dixo Berizzi, para quen "o favor máis grande que se lle pode facer aos fascistas é non falar deles". Tamén criticou a "normalización" dos fascismos, a través de "darlles voz" en prensa ou televisión.

Por outra banda, distintos xornalistas de varios medios de comunicación debateron sobre "Os novos  movementos extremistas e como afrontar o fenómeno desde o xornalismo". Un debate que, segundo David Lombao (Praza Pública), “ten que ver cunha das ferramentas básicas do xornalismo, a fixación de axenda”. Virginia P. Alonso (Público) advertiu de que “non se poden pór ao mesmo nive os feitos e a ideoloxía” e Xosé Hermida (El País) avogou por “non contribuir ao espectáculo e sacar á palestra os temas que de verdade interesan á cidadania”. Pola súa banda, Xurxo Salgado (Galicia Confidencial) repasou determinadas estratexias para informar dos extremismos como “ir ás causas, non ás consecuencias” ou “evitar as entrevistas amábeis”. María Obelleiro (Sermos Galiza e Nós Diario) defendeu a práctica do xornalismo como “unha ferramenta para lograr unha sociedade máis xusta e igualitaria. 

"A DESINFORMACIÓN TEN AS PERNAS MOI LONGAS"

A xornalista especializada en tecnoloxía e poder Marta Peirano abriu a xornada da tarde coa ponencia “Facer xornalismo na era da desinformación”, na que debullou as características das plataformas dixitais a través da que se fabrican as noticias falsas, que “non están deseñadas para manternos informados nin facernos felices, senón para manternos atados á máquina”. “A desinformación ten as pernas moi longas, é moi barata, e prodúcese nun ecosistema no que nós temos responsabilidade, pero os que a producen non”, asegurou. Neste sentido, defendeu unha volta a “facer xornalismo” como defensa contra a desinformación, porque “se os lectores non saben distinguir entre unha noticia falsa e unha noticia nosa, é que estamos a facelo mal”.

Seguidamente, baixo o título "Ameazas para a información no mundo dixital" xuntaranse os expertos das universidades Alexandre López-Borrull (Universitat Oberta de Catalunya), Raúl Magallón Rosa (Universidad Carlos III), Dolors Palau-Sampio (Universitat de València) e Edita de Lorenzo (Universidade de Vigo, COETG). Nela trataranse aspectos como as consecuencias da desinformación que non circula nos medios, os medios sociais como canle de difusión de información, a influencia dos algoritmos no fenómeno da desinformación ou unha análise crítica dalgunhas iniciativas de verificación.

A xornada rematou con Edith Rodríguez Cachera, relatora para os ataques contra a liberdade de prensa de Reporteiros Sen Fronteiras España, que falou sobre os ataques á liberdade de prensa en España. No seu relatorio defendeu a existencia dun cambio de paradigma na liberdade de prensa en España a partir de 2015, coa aprobación da “Lei Mordaza”, as reformas dos medios públicos, a polarización ou a propagación do odio ao xornalista e das fake news.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A pregunta que lle fixo Xurxo Salgado a Marta Peirano sobre qué tipo de información ofrecerlle aos lectores (?) tivo unha resposta contundente: A MELLOR INFORMACIÓN POSIBLE ! E iso -amigos-inimigos- só poderemos tela se axudamos económicamente a manter medios INDEPENDENTES como GC (?) Rascarse o peto compañeiros !!! E ogallá teñamos moitos anos de Prensa Libre por diante !!! Aquí vos deixo un vídeo da Marta que parece estar no mundo REAL https://youtu.be/7wPFYdazgUs Saúde e Boa Fortuna !