O norte de Galicia pide un tren "público, ecolóxico, eficiente e sostible" cunha viaxe reivindicativa

Alcaldes e veciños viaxan ata Pontedeume en tren para pedir "a modernización" do servizo no norte galego. O rexedor de Ferrol aposta por priorizar a mellora das conexións coa Coruña e o Eixo Atlántico sobre a estación intermodal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2019 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

Centos de persoas clamaron este sábado "pola modernización" do servizo ferroviario do norte galego a través dunha manifestación celebrada no centro de Pontedeume (A Coruña). Os participantes na protesta, entre eles varios alcaldes das comarcas próximas e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto García, desprazáronse ata o municipio nunha "viaxe reivindicativa" en tren para esixir "investimentos".

En concreto, unha comitiva partiu desde Ferrol ao redor das 9,00 da mañá e outra desde A Coruña pouco antes das 11,00. Nas diferentes paradas do traxecto sumáronse decenas de persoas para formar parte dunha manifestación que arrincou ás 12,00 na estación de tren de Pontedeume.

En declaracións a Europa Press, o portavoz da Plataforma para a Defensa do Tren --colectivo organizador--, Alberto Díaz, insistiu en denunciar que o servizo ferroviario da Coruña-Ferrol e do litoral de Lugo está xa "obsoleto". Por iso, esixe unha "modernización" de convois e apeadeiros que garantan "a mobilidade" da poboación e as mercadorías.

E é que, segundo os seus números "máis de medio millón de persoas" viven nestas comarcas do norte de Galicia, polo que unhas liñas en condicións teñen "un potencial de usuarios impresionante".

UN MEDIO "COA MENOR CONTAMINACIÓN POSIBLE"

Ademais, Díaz asegurou que o tren é un medio de transporte que "permite levar a un gran número de persoas e mercadorías coa menor contaminación posible" para o medio ambiente. Non en balde, o portavoz da Plataforma denunciou que as administracións públicas priorizan os investimentos na alta velocidade mentres "se están pechando as pequenas liñas aos pequenos municipios", unha tendencia que urxe a "reverter", xa que "incentiva ao despoboamento" de núcleos non urbanos.

Neste sentido, valorou que o servizo actual "non é economicamente nin socialmente rendible" porque, tal e como dixo, hai días nos que entre entre Ferrol e Cambre só hai dúas saídas dispoñibles, ás 7,00 da mañá e ás 19,00 da tarde.

A manifestación "pola modernización" das liñas ferroviarias contou coa participación de varios alcaldes e concelleiros das comarcas da Coruña, Ferrolterra, Eume e Betanzos. Outros que tiñan previsto asistir, indicou Alberto Díaz, non puideron debido ás baixas frecuencias do servizo.

PRIORIZAR AS CONEXIÓNS SOBRE A INTERMODAL

O rexedor ferrolán, Ángel Mato, reivindicou a "necesidade de acometer as melloras necesarias" para que a liña entre a cidade departamental e A Coruña "sexa competitiva". Pola súa banda, o alcalde de Culleredo, Óscar García Patiño, incidiu nunha aposta "firme" pola liña Ferrol-A Coruña a través de "importantes melloras" e o incremento das frecuencias: "Precisamos un tren de proximidades digno e que favoreza os desprazamentos dos veciños e veciñas".

Nestes mesmos termos pronunciouse o rexedor de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, que apuntou que "moita veciñanza" deste municipio "traballa ou estuda en lugares como A Coruña e Ferrol", polo que poderían utilizar o tren "como método de transporte habitual para os seus desprazamentos se a liña se potenciase".

Varios alcaldes galegos e o presidente da Fegamp, Alberto Varela, nunha manifestación convocada pola Plataforma en Defensa do Tren A Coruña e As Mariñas
Varios alcaldes galegos e o presidente da Fegamp, Alberto Varela, nunha manifestación convocada pola Plataforma en Defensa do Tren A Coruña e As Mariñas | Fonte: CONCELLO DE MIÑO - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Alienao

O que hai que reclamar é a competencia do transporte público ferroviario. O de pedir a modernización é de colonia asimilada.

1 Couto Mixto

Totalmente dacordo