Pontón tras presentar máis de 1.200 avais para ser candidata á Xunta: "Imos a por todas"

Defende as opcións do Bloque fronte a un Feijóo "desnortado" e di que hai que "abrir un tempo novo para Galicia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2019 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou este luns os avais para ser candidata á Presidencia da Xunta en 2020. A súa meta, asegurou, é lograr que os próximos comicios permitan "abrir un tempo novo para Galicia" e que o Bloque sexa "capaz de liderar o cambio político".

Acompañada de varias militantes, Pontón presentou na sede do BNG 1.252 avais, "uns seis veces os estipulados como mínimo", e agradeceu a "implicación" de todos os que a apoiaron. "Nesta organización hai moita xente que confía en min, no proxecto do BNG e dáme confianza para ser candidata", subliñou.

Neste sentido, asegurou que dá este paso tras "unha reflexión colectiva" e que o fai "con ilusión, confianza e responsabilidade", consciente de que hai "un reto moi importante" por diante: "lograr que en 2020 se abra un novo tempo para Galicia e para o BNG".

"Imos ir a por todas. O obxectivo desta candidatura é liderar unha nova etapa na Xunta, ser capaces de liderar o cambio político. Deixar atrás unha década de recortes, precariedade, mentiras e un Goberno de Feijóo que nunca estivo á altura, que non ten un proxecto que ofrecer aos galegos e que deixa Galicia peor que cando chegou", incidiu.

"Imos ir a por todas nas próximas eleccións", insistiu, antes de proclamar que a xente ten "esperanza" en que se abra "un tempo novo" que permita "deixar atrás unha década nefasta" marcada polas políticas do PPdeG.

"EN CONDICIÓNS PARA LIDERAR A ALTERNATIVA"

Pontón remarcou que os nacionalistas asumen "con todas as ganas, ilusión e traballo" o reto de "abrir un tempo novo" cando o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "decida convocar". "Non teño unha bóla de cristal (para adiviñar cando o fará), pero atoparanos cos deberes feitos e con todas as ganas", aseverou.

E é que, ao seu modo de ver, Galicia merécese "un futuro diferente" que aposte "pola súa lingua e a súa cultura", que defenda "unha sanidade que o PP pon contra as cordas" e que conte "con máis democracia, liberdade e dereitos".

Nesta conxuntura, defendeu, "con humildade, pero sobre todo con realismo", que o BNG está "en condicións" de poder "liderar a alternativa". "Temos unha situación que nos permite poder enfrontar con garantías estas novas eleccións", remarcou, antes de aludir á "renovación" da dirección da organización, á que sumaron " moitos galegos".

"Iso ten un reflexo no incremento do apoio social", reivindicou Pontón, antes de subliñar, rodeada das militantes que lle acompañaron, que no "novo futuro de Galicia" tamén é preciso que as mulleres sexan "decisivas".

Ana Pontón presenta os avais para ser candidata á Xunta. BNG
Ana Pontón presenta os avais para ser candidata á Xunta. BNG | Fonte: Europa Press

AXENDA GALEGA

A portavoz nacional do BNG defendeu o ritmo "razoable" que, ao seu modo de ver, levan as negociacións activadas en Madrid para a conformación dun Goberno tras as últimas eleccións xerais. "Traballamos con toda a seriedade e rigor para avanzar nunha axenda galega", proclamou.

E é que o BNG, que logrou un escano no Congreso nos últimos comicios —que ocupa Néstor Rego—, considera que "hai temas moi importantes" para Galicia que pór sobre a mesa.

Pontón recalcou que as negociacións co PSOE van "a un ritmo razoable" e lembrou que pasou "pouco tempo" desde a cita coas urnas.

Finalmente, subliñou que a "discreción é importante" para que "cheguen a bo porto".

"O que teñen que saber os galegos é que imos usar os seus votos para defender os intereses deste país, para que Galicia non só teña voz, senón que empecemos a ver solucións para os múltiples problemas que hai", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Gamela

Qué dí que vai LIDERAR ? https://resultados.10noviembre2019.... Axenda Galega é a autodeterminación do país Catalán ? Cando Paco Rodriguez pase o rotulador sobre o 1252 avais presentados veremos cantos quedan vivos!

2 Fulgencio Papista

Efectivamente, ten todo o apoio de Galiza!!!! Outros/as están a ver se reciben premio/Ministerio do Goberno Español ….home algún carguito lles caerá!!! Vender ao Pais ten réditos......Mágoa de tempos.....Roma non pagaba traidores

1 Guillerme Gintonic

Sabe que ten todo o apoio de La Voz de Galicia ¡¡

1 miñoca

ESTASE COCIÑANDO OUTRA CANDIDATURA DO BNG A PRESIDENCIA DA XUNTA. Non quero ser agoreiro. pero entre Néstor e Paco...xa se sabe: cada un tira do seu para que lle medre