Temas: MADEIRA FORESTAL

A facturación do sector forestal galego crece un 2% e sitúase en 2.300 millóns de euros

O emprego medio na cadea aumentou un 4,8%, con case 22.000 asalariados directos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2019 | Actualizada ás 17:07

Comparte esta noticia

A facturación de sector forestal galego ascendeu en 2018 ata os 2.300 millóns de euros, un 2% máis que en 2017; e o emprego medio na cadea aumentou un 4,8%, con case 22.000 asalariados directos. Así se desprende do informe presentado este luns 'A cadea forestal-industria de Galicia 2018', elaborado polo director da Escola de Enxeñaría Forestal do Campus de Pontevedra, Juan Picos.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, na presentación do informe. XUNTA
O conselleiro de Economía, Francisco Conde, na presentación do informe. XUNTA | Fonte: Europa Press

Ao acto de presentación deste documento, promovido pola Xunta de Galicia, asistiu o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Ademais, acudiron preto de 40 representantes de empresas do sector.

No acto, os asistentes destacaron que a industria forestal galega continúa crecendo, polo que se avanza cara ao obxectivo fixado dun crecemento do 6% para o período 2019-2021.

O documento tamén indica que a aplicación da madeira no ámbito enerxético tamén obtivo un gran resultado no ano 2018, coa capacidade de produción enerxética de biomasa en Galicia cunha demanda de 479.000 toneladas anuais.

A previsión é que esta cifra se cuadriplique no 2021, ata os preto de dous millóns de toneladas, o que demostra o recoñecemento crecente dun material que antes non se aproveitaba.

NOVAS LIÑAS DE NEGOCIO

No acto, o conselleiro Francisco Conde sinalou que a Xunta aposta por abrir novas liñas de negocio para a industria forestal vinculadas á economía circular e á bioeconomía.

Así mesmo, destacou que o emprego da madeira en campos como a construción permite "avanzar na loita contra o cambio climático". Neste sentido, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria anunciou que se vai dar oportunidades aos mozos para que constrúan vivendas no rural en madeira.

Para seguir avanzando neste campo, fixo fincapé no traballo en colaboración co Clúster da Madeira e o Deseño e os centros tecnolóxicos e de coñecemento no desenvolvemento de proxectos en materia de innovación, no marco da Axenda da Industria Forestal.

Segundo remarcou o conselleiro, o sector debe abrir novos mercados tanto nacionais como internacionais. Así, sinalou que as novas aplicacións nas que se está traballando para diversificar as oportunidades, en ámbitos como no sector enerxético, no naval, a automoción ou o téxtil, así como no uso da madeira no deseño e na saúde.

Temas: MADEIRA FORESTAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta