Unanimidade na Cámara para pedir ao Estado que rebaixe o IVE aos produtos de hixiene feminina

A proposta foi presentada por En Marea e apoiada por todos os grupos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2019 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

Todos os grupos con presenza na Cámara galega apoiaron unha proposición de lei presentada por En Marea que pide a modificación da normativa do Imposto do Valor Engadido (IVE) para que se aplique o tipo hiperreducido aos produtos de hixiene feminina.

A proposición foi aprobada por unanimidade na sesión plenaria que este martes arrincou na Cámara galega. Agora, será remitida ao Congreso dos Deputados, que deberá situarse sobre a toma en consideración da reclamación do Parlamento galego.

A encargada de presentar a iniciativa foi a deputada de En Marea Paula Vázquez Verao, que lembrou que a baixada do IVE a este tipo de produtos estaba incluída no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (PGE) acordado por PSOE e Unidas Podemos e que finalmente non saíu adiante.

Así, sinalou que países como Australia xa contan coa exención de impostos para os produtos de hixiene feminina, mentres que estados membros da Unión Europea como Francia ou o Reino Unido "teñen taxas moi reducidas", polo que incidiu en que España "debe avanzar nesa dirección".

"Partimos desa desigualdade polo feito de ser mulleres, polo que é xusto que os produtos de hixiene feminina sexan gravados co tipo súper-reducido do 4 por cento fronte ao reducido do 10 por cento actual", subliñou Verao.

Por parte do PPdeG interveu a deputada Jackeline Fernández Macías, que incidiu en que a baixada do tipo impositivo a estes produtos "é tan importante como imprescindible". A continuación, lembrou que en 2002 o goberno central entón presidido polo popular José María Aznar deu "o primeiro paso" neste sentido ao decidir baixar do 16 por cento ao 7, aínda que despois pasou ao 10 durante os anos da crise económica.

Teresa Porritt (PSdeG) sinalou que a eliminación da coñecida como 'Taxa vermella' --incremento do prezo cando se trata dun produto feminino-- é unha das demandas incluídas no programa dos socialistas nas pasadas eleccións xerais.

Pola súa banda, tras avanzar o seu apoio á medida, a deputada de Común da Esquerda Julia Torregrosa manifestou que a proposición "debería ser máis ambiciosa", xa que a "pobreza menstrual é unha realidade que existe na UE e que afecta a unha de cada dez nenas, que non poden pagar produtos de hixiene", en referencia aos datos de Plan International.

Por último, Noa Presas (BNG) puxo o acento en que é "inconcibible" que os produtos necesarios para as mulleres "teñan o mesmo gravame que un ramo de rosas ou unha lata de caviar".

Imaxe do hemiciclo do Parlamento de Galicia tras a ruptura do Grupo de En Marea e a marcha de catro deputados ao Mixto. EUROPA PRESS - Arquivo
Imaxe do hemiciclo do Parlamento de Galicia tras a ruptura do Grupo de En Marea e a marcha de catro deputados ao Mixto. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta