Cerceda ten contaminada unha superficie de dez millóns de metros cadrados segundo colectivos veciñais

O colectivo veciñal Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas, tamén mostrou a súa oposición á instalación de quince aeroxeneradores que podería afectar á subministración de auga para Santiago e Ordes.

Por Galicia Confidencial | Cerceda | 03/12/2019 | Actualizada ás 16:01

Comparte esta noticia

O colectivo veciñal Salvemos a Comarca de Ordes deu a coñecer datos sobre a superficie contaminada por causa da industria mineira e a actividade de Sogama. Como apuntan nun comunicado “a realidade é que as actividades industriais altamente agresivas co medio e as persoas levadas a cabo na zona non favoreceron o desenvolvemento socioeconómico do lugar nin o van facer”.

Casas ao pé da térmica de Encrobas
Casas ao pé da térmica de Encrobas | Fonte: Salvemos a Comarca de Ordes

Como exemplo poñen a diminución de poboación no Concello de Cerceda entre os anos setenta ata 2018 cando “pasou de ter 7.562 habitantes nos anos 70 a só 5.023 no 2018, a pesar da mina e da térmica de Fenosa, da incineradora e do vertedoiro de Sogama”. Tamén consideran pouco fructíferas as campañas do Concello para empadroar xentea cambio de darlle un posto de traballo nestas instalacións”.  O colectivo veciñal deduce que o descenso poboacional “demostra que as actividades industriais agresivas co medio e coas persoas non favorecen o desenvolvemento socioeconómico dos lugares nos que se implantan”.

Salvemos a Comarca de Ordes apoia as súas teses en que “segundo estatísticas da propia Xunta de Galicia e do Instituto Geográfico Nacional, o Concello de Cerceda ten na actualidade aproximadamente dez millóns de metros cadrados altamente contaminados”. Este efecto contaminante sería a consecuencia da implantación das “industrias do carbón e o lixo xestionadas por Fenosa e Sogama desde finais da década dos 70”. Acusan ás administracións de “tapar esta realidade” sinalando a “contrapartida de desenvolvemento económico”.

Por último, conclúen que as actividades industriais “agresivas co medio e coas persoas non favorecen a zona na que se implantan”, pois estas industrias “producen afeccións sobre a economía, a saúde e o medio e potencian o abandono do rural ao afectar negativamente á calidade de vida dos veciños e veciñas”.

PARQUE EÓLICO

O proxecto para instalar unha serie de aeroxeneradores en terreos das Encrobas propiedade de Naturgy, tamén conta coa oposición do colectivo Salvemos a Comarca de Ordes. Así, din que aumenta día a día a postura contraria a esta instalación “xa que impediría que se poida rexenerar a zona e que a veciñanza poida vivir por fin con dignidade”. A alerta sobre este proxecto reside nas dimensións do mesmo, que segundo o colectivo veciñal, contempla “15 muíños de vento de 3,3 Mw de potencia e máis de 200 metros de altura”.

Este proxecto non “favorecería a realidade socioeconómica do lugar, senón que a destruiría aínda máis e impediría a recuperación do lugar tras o desmantelamento da térmica”. Por este motivo, veciños da comarca rexistraron diante da Xunta, documentos pedindo a non instalación dos aeroxeneradores.

A isto, o colectivo veciñal tamén lle suma que “non é un problema que afecte á xente que vive máis perto”, senón que sobre a subministración de auga “o parque eólico se instalaría nunha vertente alta” que verte augas aos ríos Tambre e Barcés e ao encoro de Vilasenín. Sinalan ademais, que o parque eólico situaríase sobre terreos da escombreira da central térmica, que contén residuos industriais, “o que pode afectar á calidade das augas do embalse que surte de auga ao núcleo ordense do Mesón do Vento, por exemplo”. Por todo isto, o colectivo Salvemos a Comarca de Ordes pide a recuperación dos terreos das antigas explotacións mineiras para o seu uso pola veciñanza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta