A operación para reflotar o 'Blue Star' non se porá en marcha como mínimo até dentro dunha semana

A empresa encargada do rescate segue realizando traballos a bordo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2019 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

O alcalde de Ares (A Coruña), Julio Iglesias (PSOE), explicou este martes que a empresa contratada polo armador do buque 'Blue Star' para o seu rescate, SMIT Salvage, "segue realizando traballos a bordo coa intención de entre o 10 e 15 de decembro", coas "preamares que coinciden con lúa chea, tentar o rescate por mar" do barco quimiqueiro, unhas tarefas nas que tamén participan operarios de Ardentia Marine, con sede en Fene (A Coruña), subcontratada pola primeira.

O buque 'Blue Star' na costa de Ares.. JOSE R. MONTERO/EUROPA PRESS / Europa Press
O buque 'Blue Star' na costa de Ares.. JOSE R. MONTERO/EUROPA PRESS / Europa Press

Así o manifestou Iglesias tras finalizar unha reunión que se celebrou desde as 12,00 horas deste martes no Concello de Ares, onde se repasou a operación de retirada de combustibles, fuel e gasóleo, como de lubricantes, que finalizou na tarde deste luns.

"Entramos nunha nova fase, unha operación que teñen que autorizar a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, como é o rescate do barco e en consecuencia xa non temos risco para as vidas humanas e a contaminación", comentou o rexedor socialista, xa que "agora xa é o rescate dun ben privado", incidiu.

O rexedor acudiu constantemente á zona das Mirandas, onde encallou o buque na media noite do pasado 23 de novembro, para dar apoio aos equipos despregados na zona, ofrecer todo tipo de axuda naqueles temas que se requiría a colaboración do Concello e tamén para dar información a medios de comunicación e veciños.

Julio Iglesias asegurou que no encontro deste martes abordaron "as posibles necesidades de SMIT Salvage e de Ardentia Marine", as dúas empresas que teñen previsto proseguir as tarefas na zona destinadas a rescatar o buque, "para seguir apoiando, pero xa nun segundo plano". "Agora do que se trata é de rescatar un ben privado", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta