Feijóo defende o peche do paritorio de Verin para non poñer en perigo a "seguridade" das mulleres e dos seus bebés

Di que a súa "conciencia" non lle permite tomar decisións "en contra do criterio dos pediatras e obstetras".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2019 | Actualizada ás 11:36

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantén o seu aval á decisión de pechar o paritorio do Hospital de Verín (Ourense). E é que, aínda que afirmou entender a "incomodidade" das mulleres da comarca, engadiu que a súa "conciencia" non lle permite tomar decisións "en contra do criterio dos pediatras e obstetras" da área de saúde ourensá.

"Non conte comigo para facer política en contra da seguridade das mulleres e en contra dos bebés que nacen en Galicia", proclamou Feijóo, en resposta ás duras críticas da portavoz do BNG, Ana Pontón, quen preguntou ao presidente se lle gustaría que "o recorte" de servizos en Verín afectase a súa compañeira ou o seu fillo, se "tivese febre e o tivera que levantar da cama para desprazarse durante 60 ou 90 minutos".

A dirixente do BNG asegurou que sente "máis segura" sabendo que non terá que desprazarse "cen quilómetros" para dar a luz. "E o que non quero para min, non o quero para as mulleres deste país", dixo, mentres Feijóo pediu aos nacionalistas "un pouco de respecto polo criterio clínico", que "deixen de facer demagoxia" e que "se tomen en serio" a sanidade.

Antes de que o socialista Gonzalo Caballero tamén mencionase a situación da sanidade galega e afease os "recortes" ao presidente, Feijóo reafirmouse en que a decisión de pechar o paritorio de Verín se adoptou por razóns de "seguridade" para as mulleres e os neonatos. E tamén aproveitou para comprometerse a "seguir mellorando e ampliando" o hospital e a súa carteira de servizos.

"Verín multiplicará por tres a súa área de urxencias. Seica teñen menos importancia que un parto que pode ser programado. Ri do criterio de todos os obstetras e pediatras de Ourense?", preguntou a Pontón, despois de mostrar un documento asinado por 44 pediatras e xinecólogos da área sanitaria ourensán, dos que parte --remarcou-- "son mulleres".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, responde os grupos da Cámara no pleno
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, responde os grupos da Cámara no pleno | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta