Unanimidade na Cámara para pedirlle ao Estado que retire a taxa de reposición de prazas na sanidade

A situación do sistema sanitario público centra un pleno no que estivo presente o peche do paritorio de Verín

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/12/2019 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

Os grupos con representación na Cámara galega chegaron este mércores a acordo no pleno para instar o Goberno do Estado a retirar a limitación da taxa de reposición de prazas no sistema sanitario.

Mesa da Cámara galega na X Lexislatura
Mesa da Cámara galega na X Lexislatura | Fonte: EP

A unanimidade partiu dunha proposición non de lei defendida polo deputado do PPdeG Aurelio Núñez Centeno, quen asegurou que a retirada desta taxa axudaría a "solucionar os problemas de cobertura" de prazas que actualmente hai no Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Aurelio Núñez Centeno emprazou aos grupos da oposición a apoiar esta iniciativa e acusou ao Partido Socialista e a Podemos de "esquecerse" desta demanda agora que non goberna o PP en Estado.

Precisamente, aínda que toda a oposición apoiou a petición do PPdeG, coincidiu ao criticar que o grupo maioritario presente a petición cando o PP xa non goberna no Estado. "Imos apoiar que se solicite unha vez máis a retirada da taxa de reposición pero sabendo que a postura do PP é moi combativa cando hai un goberno diferente no Estado", trasladoulle Paula Vázquez Verao (Grupo Mixto), que considerou, ademais, que con esta iniciativa o PP "recoñece o fracaso das políticas de austeridade".

Nesta liña, a parlamentaria do BNG, Montse Prado tamén avanzou o respaldo do seu grupo á petición aínda que presentou unha emenda, que foi rexeitada polo PP, na que instaba á Xunta a explicar todas as xestións feitas para terminar con esta taxa de reposición.

Pola súa banda, Eva Solla (Común da Esquerda) mostrou o rexeitamento da súa formación á taxa de reposición e acusou aos populares de utilizar esta proposición para "facer propaganda" agora que hai un goberno de distinta cor no Estado.

Ademais, o portavoz de sanidade do PSdeG, Julio Torrado, lembrou que a retirada foi debatida "seis veces" antes e que só en "dúas ocasións" o PP votou a favor. "Benvidos, é a primeira vez que presentan esta iniciativa e seguro que non ten que ver con que goberne Pedro Sánchez", ironizou nunha intervención na que tamén avanzou o respaldo do seu grupo á medida.

LISTAS DE ESPERA

A sanidade centrou boa parte da sesión plenaria na mañá deste mércores. Así, os socialistas presentaron outra iniciativa, defendida por Julio Torrado, a través da que instaban á Xunta a informar os pacientes sobre o tempo de espera reais para que poidan escoller ser intervidos na concertada ou permanecer na pública.

A petición contou co apoio dos restantes grupos da oposición, que instaron á Xunta a facer públicos os datos "reais" das listas de espera, pero non saíu adiante ante o rexeitamento do PP. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta