Feijóo confirma o peche do paritorio de Verín: "Hai outros 68 concellos que fan máis quilómetros para ir ao hospital"

"Ante situacións excepcionais hai que dar a cara", di o presidente galego que insiste que a decisión adoptada é "dolorosa" pero que se adoptou por "criterios médicos". Sobre as diferencias con Baltar e alcaldes populares de Ourense di que "modificarían a súa postura se tiveran máis información".

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 05/12/2019 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

Non hai cambio de opinión. A Xunta e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, teñen claro que hai que pechar o paritorio de Verín. E insisten en que a súa decisión é "técnica" e baseada en informes "médicos". É doloroso pero gobernar consiste en decisións impopulares", defendeuse este xoves Alberto Núñez Feijóo, sobre unha decisión que puxo en pé de guerra a toda a provincia de Ourense, incluído os alcaldes do PP, e o presidente provincial, José Manuel Baltar.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. XUNTA - Arquivo
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. XUNTA - Arquivo

Feijóo insiste en manter a súa decisión polos informes de pediatras e obstetras que aconsellan que as mulleres embarazadas teñen que ir ao Hospital de Ourense para ser atendidas, ante a falla de seguridade do servizo no Hospital de Verín. "Por riba dos criterios políticos hai algo sagrado que é a vida das mamás e dos bebés", insistiu Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que foi case monotemática sobre esta cuestión.

De feito, e aínda entendendo o malestar de alcaldes do seu partido, o presidente galego destacou que os veciños doutros 68 concellos de Gaicia "teñen que facer máis quilómetros para ser atendidos nun hospital" que os que farán os veciños da comarca de Monterrei. "Ante situacións excepcionais hai que dar a cara", suliñou.

MALESTAR DO PP DE OURENSE

E o certo é que tras as críticas recibidas desde case todos os sectores, incluído desde o seu partido en Ourense, Feijóo destacou que entende a postura dos alcaldes populares. "Algúns son amigos persoais pero non podo tomar decisións en base a criterios persoais, senón en base a criterios médicos", dixo. 

Con todo, recoñeceu que non falou persoalmente con José Manuel Baltar. "Creo que o conselleiro xa falou con el", explicou deixando claro que el, polo momento, non o fixo. "Pero quizais se tiveran unha información máis completa pois modificarían a súa postura porque non teñen que ser especialistas en xestión sanitaria", dixo sobre o malestar nas filas do seu partido na provincia de Ourense.

ANUNCIOS EN PORTUGAL

Por outra banda, Feijóo explicou que esta decisión tamén se debe a falta de profesionais sanitarios no Hospital de Verín. Foi a resposta que deu á pregunta de Galicia Confidencial sobre se non cre que este tipo de medidas politicas son contradictorias coa defensa que a Xunta e o seu partido fai da vida no mundo rural, xa que inflúen na súa desertizacijón. "Se non se cubren as prazas pois temos un problema", suliñou ao lembrar que as dúas prazas de pediatría convocadas para traballar nese centro quedaron desertas. "Das cinco prazas de especialistas convocadas, tres quedaron desertas, unha está pendente de decisión e a outra foi ocupada", manifestou.

Neste sentido, volveu cargar contra o Ministerio de Sanidad por non abrir o número de prazas. "Está sempre en funcións e sen funcionar", criticou e suliñou que a Xunta pagara anuncios en medios portugueses para tentar captar pediatras e médicos de familia deste país.

PSOE

O PSOE pediu á Deputación de Ourense que "poña os fondos para manter aberto o paritorio de Verín" e que "reprobe os dous responsables políticos da decisión: o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo".

O portavoz socialista en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, compareceu este xoves para acusar de "mentireiro" ao presidente da Deputación de Ourense, o popular Manuel Baltar, tras a moción presentada na que o PP, DO e Cidadáns apoian a reapertura do paritorio de Verín.

"É unha mentira palpable e infantil que o PP se atope desde o minuto un en defensa do paritorio", sinalou Villarino. A continuación, criticou que o pasado venres "votaron en contra dunha moción dos socialistas que defendía os hospitais comarcais e pedía expresamente manter aberto o paritorio de Verín".

Neste contexto, Villarino atribuíu o "cambio de opinión" do presidente da Deputación de Ourense ao "efecto que tivo o peche na poboación, con miles de persoas concentradas o pasado sábado en sinal de protesta".

Por este motivo, o portavoz socialista pediulle a Baltar que "se comprometa publicamente" a que a Deputación se encargue de manter o paritorio aberto, a pesar de tratarse dunha competencia impropia, como o mesmo Villarino recoñeceu.

O líder dos socialistas ourensáns dixo entender que "foi a comparación co seu pai", feita a través das redes sociais do PSOE, a que "quitou a Baltar da súa cova". Neste sentido, dixo de Manuel Baltar que ten "un complexo edípico non superado".

Por último, acusou a Baltar e ao PP de "ser cómplices do desmantelamento da sanidade na provincia" porque, segundo os socialistas, rexeitaron durante os últimos anos numerosas mocións presentadas polo seu grupo en defensa da sanidade pública.

BNG

Por outra banda, o BNG defenderá no próximo pleno da Cámara galega unha iniciativa para instar á Xunta a que se manteña o paritorio e os servizos de pediatría do Hospital de Verín. Unha proposta que pretende, ademais, "aglutinar unha nova maioría no Parlamento" e sumar as "voces críticas" dentro do PP contra a decisión do Goberno de Alberto Núñez Feijóo.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apelou directamente ao presidente provincial dos populares de Ourense, José Manuel Baltar, quen este mércores aseguraba pedir á Xunta e directamente ao propio Feijóo que "rectifique" a decisión de pechar estes servizos no centro sanitario de Verín.

Por iso, Pontón pediu "coherencia" o mandatario popular e que "lle reclame aos deputados electos" nesta provincia "que voten a favor da iniciativa do BNG" para instar á Xunta a dar marcha atrás ao peche de servizos no hospital.

EN MAREA

En Marea ofreceu ao PP de Ourense e á oposición parlamentaria conformar unha maioría "de carácter puntual" co fin de "sacar adiante un pronunciamento que faga que Feijóo rectifique a decisión de pechar o paritorio de Verín". Así o manifestou este xoves en Ourense o portavoz de En Marea, Luís Villares, despois de presentar as emendas do seu grupo aos orzamentos da Xunta de Galicia.

Neste contexto, Villares dixo que "comprende perfectamente o enfado de Baltar e do PP de Ourense, manifestado en diversas ocasións, mesmo en pronunciamentos institucionais".

Por este motivo, fixo un chamamento aos populares da provincia aos que dixo "tender a man" para conformar unha maioría alternativa no Parlamento de Galicia que "permita rectificar o peche do paritorio e o cesamento das urxencias pediátricas no Hospital comarcal de Verín".

Co fin de "non complicar e facilitar as cousas", por parte de En Marea mostráronse dispostos a moverse no marco de referencia da proposta institucional apoiada por tres grupos da oposición (PP, DO e Cs) na Deputación de Ourense e no Concello.

"Estamos tamén dispostos a falar sobre se se quere retocar ese texto, pero sabemos que o mesmo conxuga consenso na provincia de Ourense e estariamos dispostos a levalo ao Parlamento de Galicia co resto de forzas da oposición", explicou.

"O que hai detrás do peche do paritorio de Verín non é unha decisión técnica, como xa quedou claro este mércores no Parlamento de Galicia, é evidente que se trata dunha decisión política de discriminación co noso medio rural, as nosas mulleres e esta provincia", recalcou Luís Villares.

Así mesmo, Villares sinalou que para a composición da maioría alternativa na Cámara de representantes de Galicia que propón En Marea "farían falla catro votos" e "sería de carácter puntual", co fin de "defender todos xuntos os intereses da cidadanía de Ourense, das mulleres e o medio rural da provincia", apostilou.

Luís Villares fixo este chamamento deixando claro que "o único interese do seu grupo nisto é manter os servizos no rural". "Agora é Verín, pero mañá será O Barco, daquela Monforte ou A Mariña, porque os números que xustificaron a decisión de Verín son os mesmos que se dan en toda Galicia", subliñou.

En relación á situación no Hospital de Verín, por parte de En Marea pediron, en primeiro lugar, "a revogación de forma clara da decisión do peche do paritorio e das urxencias pediátricas do hospital comarcal".

A continuación, solicitaron a dimisión do xefe da EOXI de Ourense, Félix Rubial, ao que cualificaron de "verdadeiro carniceiro do Sergas" e tamén a do propio conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

En terceiro lugar, fixeron referencia á "necesidade duns orzamentos que permitan dispensar os servizos públicos do rural como se merece a provincia de Ourense".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta