O PP de Pontevedra tamén se rebela contra a Xunta e rexeita o trazado proposto para a Variante de Alba

Di que ese trazado "causa un enorme impacto e que non soluciona os problemas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2019 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

O Partido Popular no Concello de Pontevedra reformulou a súa postura respecto da Variante de Alba e rexeitou finalmente o trazado proposto polo Goberno galego. "Despois dun proceso longo e dun período de reflexión profunda, decidimos que o trazado actual da estrada non é o adecuado", sinalou este mércores en rolda de prensa o seu portavoz, Rafa Domínguez.

O portavoz popular asegurou que "non é unha decisión a treo", pero que se trata dun trazado "cun enorme impacto e que non soluciona os problemas para os que foi concibida esta estrada".

"Se hoxe pola tarde chega Alberto Núñez Feijóo e dinos que quere ese proxecto direille ao presidente que eu prefiro aos veciños de Pontevedra e ter unha solución óptima", sinalou, asegurando que, chegado ese caso, a Xunta teraos " enfronte".

Os populares chegaron a esta conclusión tras manter "decenas de reunións" con veciños e afectados, encontros sobre o terreo, estudos con técnicos, e, "sobre todo, moito diálogo para tentar ter unha posición definitiva sobre o tema". Así mesmo, lembrou as alegacións feitas no seu momento polos técnicos do Concello de Pontevedra "foron múltiples e de gran envergadura".

UN "PROBLEMA INTERNO"

Tras coñecer este cambio de posicionamento do Partido Popular local, o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, lembrou a esta formación que o Concello xa presentara no seu día un trazado "moito mellor" que o aprobado, e que foi rexeitado tanto pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento.

Por iso, atribuíu esta "emenda á totalidade" dos populares locais a este proxecto a un "problema interno" do PP. Así mesmo, BNG cre que o cambio de postura de Rafa Domínguez prodúcese "por instrución da Xunta", o que lle fai temer que o Goberno galego queira paralizar o proxecto.

Rafa Domínguez (esq)
Rafa Domínguez (esq) | Fonte: Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta