Santiago aprobará a vindeira semana a extensión do veto de novos pisos turísticos a toda a cidade

O alcalde defende que se busca "regular e limitar" o seu uso, por considerar primordial o residencial.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2019 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago aprobará no seu pleno ordinario deste xoves, 19 de decembro, a extensión do veto a novos pisos turísticos a toda a cidade, unha limitación que ata agora existía só no casco antigo.

O alcalde da capital de Galicia, Xosé Sánchez Bugallo (PSdeG), explicou que esta moratoria ten como obxectivo "regular e limitar" os pisos turísticos da cidade, xa que considera primordial o uso residencial da vivenda.

Nunha rolda de prensa, o rexedor defendeu que non buscan "cargarse" os pisos turísticos, porque entende que a oferta "chegou para quedar". "Non podemos permitir que un modelo conxuntural nos arrase o modelo de cidade", engadiu.

Para Bugallo a oferta de prazas turísticas é xa "moi elevada", cun total dunhas 13.000. Engadiu que, se se contan aquelas non reguladas, a oferta roza as 20.000. Así, o que o Concello expón é unha limitación do número total e establecer un tope por zonas e días.

Por agora, anunciou que se suspenden as solicitudes de autorización de pisos turísticos, que "aumentaron de forma exponencial", ata que non haxa unha modificación do Plan Xeral. O alcalde indicou que esperan traballar coa Consellería de Turismo para evitar "contradicións" entre a normativa da Xunta e a local.

Imaxe dun piso turístico ofertado na plataforma de Airbnb
Imaxe dun piso turístico ofertado na plataforma de Airbnb | Fonte: Airbnb

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta