Podemos Galicia chama a crear "un grande acordo social" pola auga que guíe ao "goberno de progreso" na Xunta

Cren que o modelo "privatizador" da auga levou "ao colapso", polo que apostan por un sistema de xestión integral pública.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/12/2019 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

Podemos Galicia chamou a crear "un grande acordo social" pola auga e pola transición hidrolóxica que sirva de guía ao "goberno de progreso" que esperan pór en marcha tras as eleccións autonómicas do próximo ano.

O secretario xeral de Podemos Galicia e deputado de En Común, Antón Gómez-Reino, e os parlamentarios de Común da Esquerda Luca Chao e Marcos Cal
O secretario xeral de Podemos Galicia e deputado de En Común, Antón Gómez-Reino, e os parlamentarios de Común da Esquerda Luca Chao e Marcos Cal

O líder de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, e os deputados no Parlamento galego Luca Chao e Marcos Cal apelaron a "acordar con todos os axentes sociais" as políticas relacionadas coa xestión da auga do "goberno de progreso que porá fin en Galicia a décadas de negacionismo do PP".

Así, consideran que o modelo "privatizador" e "mercantilizador" da auga derivou no "colapso" do sistema, polo que apostan pola xestión integral a través do público do ciclo da auga.

Deste xeito, Gómez-Reino manifestou que a reacción "tardía" á transición enerxética evidencia que é preciso "anticiparse" á transición hidrolóxica porque "non se pode falar de cambio climático sen falar de auga".

"É fundamental abordar dunha forma urxente un proceso de transición hidrolóxica que, de forma similar á transición enerxética, reforce a loita contra os efectos do cambio climático", apuntou o deputado de En Común.

Pola súa banda, o parlamentario de Común da Esquerda Marcos Cal destacou que "a práctica totalidade" dos problemas ambientais de Galicia están relacionados coa auga, polo que cre necesario pasar "da vella xestión" deste recurso "a unha moderna xestión ecosistémica".

"A cuestión é clara: escoller entre seguir facendo negocio coa xestión dun dereito humano ou optar por unha xestión da auga como ben común", indicou Luca Chao, que alertou de que Galicia será "unha das rexións máis afectadas" polo impacto do cambio climático, dado que os estudos avisan dunha posible redución do 40% no volume de precipitacións no ano 2100.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta