Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2019 | Actualizada ás 18:59
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Mirada, aproveitou o inicio da súa nova viaxe institucional a Venezuela para reunirse cos responsables da Federación de Centros Españois deste país, aos que lles trasladou o apoio da Xunta ao proxecto no que está a traballar a entidade para contratar un seguro médico que atenda aos españois residentes no país suramericano.
Rodríguez Miranda destacou a importancia desta iniciativa para a colectividade, "máis se cabe no contexto e na situación social que están a vivir os residentes en Venezuela". Neste marco, o responsable do departamento autonómico reuniuse cos representantes das entidades galegas para avaliar e avanzar no plan de traballo conxunto que está a permitir asistir os galegos do este país.
Ante eles, insistiu no papel clave que desempeñan as entidades galegas diseminadas polo mundo á hora de detectar e canalizar as necesidades máis urxentes dos residentes no exterior. Institucións como a Irmandade Galega de Venezuela en Caracas, a Irmandade Galega de Valencia, o Centro Galego de Porto a Cruz ou o Centro Galego de Maracaibo -todos eles presentes na reunión- son "pezas fundamentais" para "o éxito do sistema de prestación e apoio" social que desenvolve a Xunta en Venezuela e noutros países do mundo.
"A pesar de que cada vez son máis os galegos que volven á casa, en Venezuela aínda permanecen máis de 35.000. Unha colectividade para a que o ano pasado destinamos 2,2 millóns de euros, cifra que neste 2019 que estamos a terminar ascende a máis de 3 millóns", detallou Miranda.
A axenda oficial do secretario xeral levouno tamén este venres a manter distintos encontros de traballo co embaixador de España en Caracas, Jesús Silva, e co cónsul de España en Venezuela, Juan José Buitrago de Benito, co obxectivo de "profundar na necesaria coordinación entre as administracións española e galega".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.