As cociñas económicas en Galicia... cando a pobreza chega ás familias

Os comedores sociais en Galicia viron aumentar o número de usuarios desde 2008, comezo da crise. Desde esa data non baixou ou se o fixo nalgúns casos, logo volveu repuntar. Algunhas atenden familias derivadas polos servizos sociais, mais a maioría de usuarios son persoas en exclusión social ou con traballos temporais de curta duración.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 13/12/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As cociñas económicas ou comedores sociais volveron á actualidade durante a última década debido á crise económica. A maioría de persoas usuarias ata hai dez anos eran homes de idade media, sen traballo e en situación de exclusión social. A partir de 2009 o número de mulleres e familias usuarias subiu de maneira exponencial. As familias son derivadas ás cociñas económicas polos servizos sociais. Tamén a poboación inmigrante que aumentou nestes últimos vinte anos. Moitos deles en situación irregular e vivindo na rúa.

Cociña Económica Santiago
Cociña Económica Santiago | Fonte: Globedia

EVOLUCIÓN DAS PERSOAS USUARIAS

Hai vinte e cinco anos era inusual ver unha persoa de orixe subsahariana ou mabregí e latinoamericana, era case imposible” di Óscar Castro, actual coordinador da Cociña Económica da Coruña. O número de persoas inmigrantes, como se apuntou, aumentou de maneira paulatina desde os anos 90. “Hoxe en día o 35% das persoas usuarias poden ser inmigrantes”. “Hai das antigas repúblicas soviéticas, posiblemente hoxe teñamos más de 50 nacionalidades, penso que tamén tivo que ver o Camiño de Santiago, fixérono e quedaron”.

Antonio Tostado responsable da Cociña Económica de Ferrol, observou que durante a crise económica “é certo que se diversificou o perfil, mais maioritariamente seguiu sendo un varón de 55 anos de media”. A porcentaxe que calcula  Tostado é de 85% homes e 15% mulleres, “a exclusión parece afectar máis a homes que mulleres,  hai máis homes que viven sós, non teñen familia ou romperon os lazos familiares”.  Sobre usuarios inmigrantes, a resposta é que en Ferrol non hai moita presenza “deben andar entre o 15 e 17%, con todo, esta poboación é máis vulnerable, non ten familia, na crise non houbo máis inmigrantes”.

CRISE ECONÓMICA

A recesión de 2008 caeu como unha lousa sobre os comedores sociais e os bancos de alimentos. O número de usuarios comezou a subir de tal maneira que en ocasións, superou a capacidade de atención destas institucións.

Cociña Económica  A Coruña
Cociña Económica A Coruña | Fonte: riazor.org

“A crise económica colleunos moi forte desde 2007, por numerosas cuestións, desde ese momento a cantidade de persoas non baixou” sinala Óscar Castro. Así, en 1995 na Coruña “faciamos comida para 400 persoas que comían aquí e levaban para a casa, hoxe en día damos 1.300 comidas”. A comida que serven é a de medio día. A iso súmanselle tamén outras actividades como lavandaría, duchas e punto solidario.

En Ferrol, durante a crise económica servían comidas a familias que enviaban os servizos sociais do Concello, mais  “iso deixamos de facelo hai xa tres anos, consideramos que non era tarefa dun comedor social, eran familias que recollían e levaban a comida para a casa” di Antonio Tostado. Entre o ano 2008 e o 2013 en Ferrol o número de persoas que asistía á Cociña económica subiu de 78 a 152 de media. “Desde 2013 ata xaneiro de 2018 baixou aos 89, mais volveu subir de xaneiro de 2018 temos un repunte con 120 persoas” explica Antonio Tostado quen afirma descoñecer os motivos deste repunte.

Atendemos familias levándolles comida a domicilio, son xente que vive de aluguer ou nun cuarto” sinala Óscar Castro. O obxectivo é que esa xente dispoña de comida quente na súa casa, “pensando en que hai menores ou xente maior que non pode desprazarse ata aquí”. Tamén hai xente que leva para cear e agora mesmo estamos no pico de asistena máis alto do ano. O motivo é que durante o verán “hai persoas que teñen un traballiño en hostalaría, mais iso remata e teñen que volver outra vez”

“Agora temos os servizos de comida de medio día e cea, outros centros teñen xa o servizo de almorzo pola mañá” apunta Antonio Tostado. En Ferrol non poden asumir un servizo máis por falta de tempo. “Comezamos a traballar ás oito e media da mañá e ás 12:30 xa temos que ter servida a comida”. Por iso a cea é un cátering que se serve todos os días agás os sábados que serve unha bolsa fría. A empresa do cátering prepara as comidas de domingos e festivos.

ORZAMENTOS

O orzamento destes centros vaise maioritariamente en alimentos e noutras atencións ás persoas usuarias. Na Coruña por exemplo “o noso orzamento de gastos é de un millón cen mil euros por ano”. Óscar Castro apunta que xa levan dous anos cunha serie de gastos que cobren os alimentos, que se non é por doazón hai que mercar a maioría.

Do orzamento en Coruña “hai unha parte que son doazóns dos 3.300 socios da entidade, isto supón entre 450.000 ou 500.000”. Tamén hai achegas mediante recadacións por actividades como concertos, persoas que fan a súa doazón puntual. “Temos un convenio co Concello para o gasto de consumo enerxético e da Deputación que tamén colabora”.

En Ferrol “o 60% dos fondos son privados, temos 1.400 socios e iso xa nos dá autonomía suficiente, temos doazóns, empresas, asociacións, e o 40% son axudas públicas”. As axudas públicas veñen da Consellería de Política Social, a Deputación da Coruña. “Co Concello de Ferrol temos un convenio de colaboración, de maneira extraordinaria houbo axudas do Parlamento de Galicia e subvencións dos concellos de Narón e Neda” remata Antonio Tostado.

Quixemos achegarnos a persoas usuarias, mais non quixeron compartir nin motivos nin valoracións da súa presenza nun destes comedores sociais. Algúns só mencionaron moi por riba a falta de emprego, familias desestruturadas, adiccións e falta de recursos. Na mesma fila onde nos achegamos puidemos observar que había xente chegada doutras partes do Estado ademais dalgún estranxeiro.

Preguntados por se hai problemas de seguridade, todos negan que haxa conflitividade. Aínda así, diante da cociña económica de Santiago de Compostela case sempre hai un vehículo da policía local na quenda de noite. Sábese dalgún incidente no pasado, conta un usuario, mais hai tempo que as cousas están tranquilas.

Cociña Económica Ferrol
Cociña Económica Ferrol | Fonte: cocinaeconomicaferrol.org
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Gracias a GC por facer visible o invisible ! Existen situación de pobreza severa que nunca aparecen nos medios (as nosas sociedades opulentas padecen de aporofobia) e no caso de Vigo a aporofobia é institucional ! Máis de MIL días levan durmindo diante do Concello ! https://twitter.com/00Gamela/status... E todo dios falando das luces e da noria do carallo !!!