Rematan as obras do Parador de Muxía que fora prometido no 2002, despois do Prestige

Conta con 15.000 metros cadrados, 63 habitacións e spa.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/12/2019 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

A presidenta de Turespaña, Isabel Oliver, entregou este luns as chaves do Parador de Costa da Morte, en Muxía, ao presidente de Paradores, Óscar López, unha vez que concluíron as obras de construción do establecemento, que ten prevista a súa apertura para o mes de marzo, tras os labores de acondicionamento das instalacións.

Segundo informou o Executivo nunha nota de prensa, o Goberno investiu máis de 25 millóns de euros na construción do Parador de Costa da Morte, que conta con case 15.000 metros cadrados, 63 habitacións e spa. A infraestrutura era un dos compromisos para a dinamización económica da zona incluídos no Plan Galicia activado tras o afundimento do petroleiro Prestige, en 2002.

Ao acto de entrega do novo Parador, que concluíu coa plantación dun acivro, asistiron o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde de Muxía, Iago Toba.

Para Isabel Oliver, que este establecemento sexa unha realidade despois de tantos anos "é emocionante". "Estamos convencidos de que suporá un polo de atracción económica para a zona da Costa da Morte e de creación de postos de traballo. Non me cabe dúbida de que para Muxía, para A Coruña e para Galicia en xeral terá un impacto moi positivo proxectando unha imaxe de calidade e modernidade", afirmou a secretaria de Estado de Turismo.

O parador de Costa da Morte conclúe as súas obras de construción. PARADORES DE ESPAÑA
O parador de Costa da Morte conclúe as súas obras de construción. PARADORES DE ESPAÑA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta