Piden ao Concello de Ferrol que presente recurso no Supremo pola taxa de saneamento

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2019 | Actualizada ás 20:51

Comparte esta noticia

A Plataforma pola Remunicipalización rexistrou unha petición no Concello de Ferrol na que reclama que se presente recurso de casación no Tribunal Supremo contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que avalou a obrigación de cobrar unha taxa pola prestación do servizo de saneamento neste municipio.

O TSXG desestimou en novembro un recurso do anterior goberno de Ferrol (de Ferrol en Común), tras unha primeira sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ferrol, que estimaba integramente a tese da parte privada da empresa mixta de augas de Ferrol, Emafesa, a mercantil Socamex, e rexeitaba o posicionamento da parte pública.

O proceso comezou cando Socamex recorreu contra o acordo do pleno de Ferrol de 18 de setembro do 2015 de "suspender a aplicación da ordenanza reguladora da taxa pola depuración de augas residuais", aprobado cos votos a favor de Ferrol en Común, PSOE e BNG, e que segundo se acordou na sesión plenaria, tiña "carácter automático", onde se deixaba de pagar a dita taxa, pero non se retiraba a encomenda de xestión deste servizo a Emafesa.

Esta decisión motivou a presentación dunha primeira demanda por parte de Socamex nos xulgados ferroláns, en cuxa sentencia de 25 de maio de 2018 avalaba a tese da parte privada.

Foi entón cando o anterior alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, decidiu presentar un recurso de apelación ante o TSXG, que deu de novo a razón á parte privada de Emafesa por "falta de motivación" nesta decisión municipal. Agora, esta plataforma veciñal chama a esgotar a vía de recursos e chegar ata o Supremo.

Campaña a favor da remunicipalización
Campaña a favor da remunicipalización | Fonte: redpublica.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta