Nova concentración da CIG para esixir un estatuto electrointensivo que salve o sector

Delegados e delegadas do sindicato demandan unha tarifa industrial "xusta" e "competitiva" ante a "crítica" situación deste sector.

Por E.P. | A CORUÑA | 17/12/2019 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

Delegados e delegadas da CIG secundaron unha nova concentración ante a Delegación do Goberno en Galicia para reivindicar unha tarifa industrial "xusta" e "competitiva" para a industria electrointensiva e ante a "crítica" situación deste sector.

Na concentración, con participación de representantes sindicais nas empresas electrointensivas, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, volveu a demandar ao Goberno un estatuto electrointensivo que regule estas tarifas e dea garantías de futuro a esta actividade industrial.

Carril precisou que a concentración se convocou coincidindo co inicio da poxa de interrumpibilidade, da que dixo que reflicte "un novo capítulo da incapacidade do Goberno español".

"Un día que se pode tornar tráxico e que agrave a situación", apuntou en caso de non resultar favorable ás demandas da industria electrointensiva, "con peches e paralización do cumprimento de investimentos", citou en referencia á situación deste sector. Carril denunciou tamén o "discurso fácil" da Xunta xa que, ao seu xuízo, busca "situarse á marxe coma se non tivese responsabilidade" na problemática que afecta a estas industrias.

Ademais, dixo que o Executivo central "non pode escudarse" en que non se conformou un goberno e instou a aplicar medidas legais a través de "decretos de urxencia". "Hai que aprobar un marco regulador da tarifa industrial que permita garantir os postos de traballo", insistiu ao reclamar un "marco regulador da enerxía".

Delegados da CIG mobilízanse en demanda dunha tarifa industrial para as electrointensivas. CIG
Delegados da CIG mobilízanse en demanda dunha tarifa industrial para as electrointensivas. CIG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta