Feijóo acusa a oposición de "xogar coa vida dos bebés que nacen en Verín"

Afirma que se reactivará o paridoiro se se logran cubrir as dúas prazas de pediatría.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2019 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cargou con dureza contra a oposición, á que acusou de "xogar coa vida e a seguridade dos bebés que nacen en Verín", o que cualificou de "lamentable".

Ao tempo, insistiu en que, se se logran cubrir as dúas prazas dos pediatras que quedaron desertas en xuño e se volveron convocar, reactivarase o paridoiro.

"Cando haxa pediatras suficientes en Verín e teñamos a aprobación dos profesionais sanitarios (xinecólogos e pediatras), en 24 horas reporanse os partos", sentenciou Feijóo, a quen os tres grupos da oposición botaron en cara "os recortes" en sanidade, o peche do paridoiro desta localidade ourensá e o trato á muller que deu a luz de urxencia e foi trasladada, do mesmo xeito que o seu bebé, ao hospital de Ourense.

Ana Pontón (BNG) censurou a "violencia institucional" exercida contra esta muller, mentres que Gonzalo Caballero (PSdeG) esixiu "o cesamento" de todos os responsables da Administración que tivesen que ver coa decisión de pechar o paridoiro.

Antón Sánchez (Común da Esquerda) instou a Feijóo a "rectificar". "Póñase colorado un día e evite poñerse amarelo cen", aconsellou, antes de advertir que para "coñecer" as políticas de sanidade da Xunta "só hai que ver as caras e como rin os que fan negocio coa sanidade privada" en Galicia. "E ver a todos os profesionais da sanidade pública en pé de guerra", apostilou.

O presidente da Xunta no pleno do Parlamento.. XUNTA
O presidente da Xunta no pleno do Parlamento.. XUNTA | Fonte: Europa Press

"EMPEOROU O SALDO VEXETATIVO"

Sánchez preguntou a Feijóo se considera que "pechando servizos públicos" se potencia que "a xente viva no rural" e botoulle en cara que, na súa década á fronte da Xunta, "empeorou o saldo vexetativo en Galicia", con especial foco na zona de Ourense e Verín. "Con esta deriva, pechamos Verín, logo Ourense e acabaremos atendendo a toda a xente en Vigo", augurou.

Na mesma liña, Gonzalo Caballero (PSdeG) puxo o foco en que o peche do paridoiro de Verín supón "un punto de inflexión" no camiño cara a "o fin do mandato político" do dirixente dos Peares, xa que se traduce "nun ataque" á sanidade pública galega e ao medio rural.

Do mesmo xeito, incidiu en que a decisión non se basea no criterio "técnico" --posto que non hai unanimidade nos profesionais e os de Verín e O Barco, por exemplo, están en contra-- senón no "criterio político" dun Goberno "indolente", cun líder "ultraconservador" á fronte, que "non sofre cos recortes na sanidade".

"ESTÁN A XOGAR COA VIDA DOS BEBÉS"

"Despois de que me chame ultraconservador, ten tanta formación en pensamento político como en xestión sanitaria, tendente a cero", replicou Feijóo, quen leu o documento asinado por xinecólogos e pediatras do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense que avalaron o peche do paridoiro. "Cren que estes profesionais queren recortar a sanidade?", preguntouse.

Ao tempo, Feijóo negou as acusacións de empeoramento do saldo vexetativo en Galicia durante a súa xestión e defendeu a xestión sanitaria do seu Executivo, con novos hospitais e o descenso das esperas sanitarias fronte ao que ocorre noutras comunidades, remarcou, nas que gobernan outras forzas políticas.

Pontón tamén sacou o asunto de Verín na súa quenda e esixiu a Feijóo "desculpas" ás mulleres, ademais de censurar a súa "covardía" por "esconderse" detrás dos profesionais e da "mentira". "Rectifique e apoie a iniciativa do BNG", instou Pontón, en relación a unha proposta de posterior debate no pleno, antes de concluír que ve a Feijóo "moi desesperado e pactando coa extrema dereita antigalega, machista e racista".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta