Unanimidade no Parlamento galego para pedir avances na rede ferroviaria do Corredor Atlántico

Todos os grupos apoian unha iniciativa presentada polo PPdeG.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2019 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

Todos os grupos con presenza na Cámara galega apoiaron unha iniciativa presentada polo PPdeG para reclamar avances no desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias que se inclúan na Rede Transeuropea de Transporte para o noroeste peninsular.

Pleno no Parlamento galego
Pleno no Parlamento galego | Fonte: Xunta.

A proposición non de lei foi debatida e votada na mañá deste martes durante a sesión ordinaria que acolle o Parlamento de Galicia, onde as forzas políticas uníronse para pedir que se leven a cabo "proxectos concretos e de calidade" para a rede transeuropea de transporte.

Durante a defensa da iniciativa, a deputada popular Julia Rodríguez Barreira denunciou que da "estratexia coordinada" que, di, mantivo o goberno de Mariano Rajoy, pasouse "á inacción" do Executivo de Pedro Sánchez, ao que acusou de priorizar que os fondos para a Rede Europea de Transporte vaian ao corredor mediterráneo.

Fronte a iso, os grupos da oposición afearon ao PPdeG a súa actitude por "reclamar agora o que non fixeron" durante os anos nos que o seu partido gobernou no Estado. "Veñen pedirlle aos demais o que vostedes non fixeron. É o pan de cada día das súas iniciativas", afirmou Marcos Cal (Grupo Común da Esquerda).

"Isto é un novo capítulo dos clásicos populares. Mentres se goberna é cómplice da inacción e cando non se goberna desempóanse as iniciativas e piden o que non fixeron", destacou Luís Villares (En Marea), que censurou o que considera unha "falsa bandeira reivindicativa" por parte do PP.

Para o socialista Luís Álvarez, a iniciativa aprobada "ten tinguiduras de campaña", pois considera que vai na liña da actitude de denunciar "durante meses unha lista de agravios que inclúen o AVE, a AP9 ou o corredor atlántico", todas elas cuestións que xa estaban sobre a mesa durante a etapa de Rajoy na Moncloa, como apuntou.

"En abril aprobouse unha proposición non de lei por unanimidade e creo que non van ser capaces de fracturar a unanimidade destes grupos polos intereses de Galicia, por moito que o sigan tentando con iniciativas como estas", sinalou Álvarez.

Por último, o parlamentario do BNG Luís Bará tamén criticou que os populares "deixasen nun caixón" a inclusión de Galicia no corredor europeo de mercadorías, que entra nunha nova fase en 2020 "para a que hai que presentar proxectos xa". "Non os hai (proxectos) e non hai tampouco goberno", denunciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta