Temas: FRASEOLOXíA

“Unha e non máis, señor san Brais”, equivalente, entre outras, ó castelán “una y no más, santo Tomás”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 22/12/2019 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

Naquelas situacións en que queremos dar a entender que non imos volver facer unha cousa, ou en que queremos manifestar que cunha vez que fixemos algo xa lle chegou ben e non se vai repetir, resulta moi habitual escoitar que moita xente galegofalante recorre directamente ó castelán e di aquilo de una y no más, santo Tomás. Mais na nosa lingua contamos con expresións que revelan exactamente o mesmo. Vexamos algunhas delas:

Os santos nunca dormen
Os santos nunca dormen

Una y no más, santo Tomás

Santo Tomás, una y no más

Una y no más, señor san Blas

{= Fórmulas expresivas con que unha persoa dá a entender que non vai volver facer unha cousa, con que dá a entender que cunha vez xa lle chegou ben e non vai repetir.}

Unha e non máis, señor san Brais

Unha nada máis, señor san Brais

San Brais, unha vez, non máis

Ex.: Los alumnos me invitaron a un botellón y fui... pero una y no más, santo Tomás, que no le veo sentido alguno a juntarse solo para emborracharse.

Os alumnos convidáronme a un botellón e fun... pero unha e non máis, señor san Braispero unha nada máis, señor san Braispero san Brais, unha vez, non máis, que non lle vexo sentido ningún a se xuntaren só para se embebedar.

● Mesmo tamén:

San Brais, unha e nunca máis && San Brais, unha e non máis && Señor san Brais, unha e non máis && Unha vez, señor san Brais, pero outra nunca máis

● E inda tamén, nesta mesma liña:

Foi a primeira e a última

Ex.: Os alumnos convidáronme a un botellón e fun... pero foi a primeira e a última, que non lle vexo sentido ningún a se xuntaren só para se embebedar.

NOTAS:

1. A paremia unha nada máis, señor san Brais recóllese na obra Literatura popular de Galicia, de Saco y Arce, como unha namais, señor san Brais. Como vemos, nesta fonte emprégase a voz namais, non recollida, cando menos a día de hoxe, na actual normativa pero amplamente documentada na literatura e na fala, onde mesmo nos atopamos con algunha expresión na que (cando menos para aqueles que a usamos de xeito natural) parece que a súa mudanza pola locución nada máis se fai un tanto forzada e antinatural, coma no caso de ata dicir namais, que viría a se corresponder con ata dicir basta (por ex.: É parvo ata dicir namais).

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Ferro Ruibal, Xesús (dir.): Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo Edicións, Vigo, 1992.

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Bitácora no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Saco y Arce, Juan A.: Literatura popular de Galicia. Ano 1881. Ed. de J. L. Saco Cid. Deputación Provincial de Ourense.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta