O 112 rexistra case 400 incidencias relacionadas co temporal de vento de até 152 km/h e choivas torrenciais en Galicia

A Coruña foi a provincia máis afectada, con 200 incidencias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2019 | Actualizada ás 20:03

Comparte esta noticia

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia rexistrou un total de 376 incidencias debido aos fenómenos meteorolóxicos adversos na costa, vento e choiva que están a afectar aeste mércores á comunicade e que obrigaron a activar a alerta de nivel laranxa. Por provincias, A Coruña foi a máis afectada, con 200 incidencias rexistradas, mentres que en Pontevedra houbo 136, en Lugo 26 e en Ourense 14 incidencias atentidas.

Temporal en Galicia
Temporal en Galicia | Fonte: © Miguel Núñez.

A caída de árbores e pólas en vías de circulación (132), actuacións de prevención de risco (64), obxectos varios nas estradas (37), restos de cables da luz e do teléfono nas calzadas (22), inundacións en estradas (15) e inundacións en vivendas (12) foron as incidencias que máis se repetiron.

En canto aos concellos, na provincia de Pontevedra destaca o de Vigo, con 34 incidencias, Vilagarcía de Arousa, con 10, e O Grove, con 7. Na provincia da Coruña, Carballo alcanzou as 31 incidencias, Muxía sumou 15 e Cee 9. En Lugo, Mondoñedo rexistrou 6 e Baralla 3, mentres que no Concello de Ourense alcanzáronse o tres e en Nogueira de Ramuín rexistráronse dous.

INCIDENCIAS MÁIS DESTACADAS

Entre as incidencias máis destacadas, en Catoira (Pontevedra), ás 12,05 horas unha árbore caeu sobre un coche que ía circulando na PO-548, no punto quilométrico 10, aínda que non se produciron feridos.

Ademais, en Fisterra, desbordouse o río Ponteira e alagou dúas vivendas na parroquia de San Martiño de Duio, sen rexistrarse danos persoais. Por outra banda, unha vivenda alagouse no lugar de Faxín, en Narón e tamén foi necesaria a actuación dos servizos de emerxencias.

Un dos incidentes máis relevantes tivo lugar no municipio coruñés de Camariñas, onde pasadas as 9,00 horas o vento provocou o desprendemento da cuberta da lonxa, o que obrigou a actuar a efectivos dos Bombeiros, Protección Civil, Policía Local e Policía Portuaria.

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Linguas, desprazouse durante a xornada ata esta localidade para coñecer de primeira man os danos causados polo temporal nas instalacións portuarias. Técnicos deste departamento traballaban na zona para analizar a situación e decidir as medidas de urxencia a adoptar para recuperar a normalidade coa maior celeridade.

Finalmente, o forte vento e a choiva mantiveron tamén durante toda a xornada suspendidas as actividades escolares no exterior e motivou que os concellos pechasen ao público os parques e xardíns, para evitar accidentes coa caída de ramas.

FORTES VENTOS E CHOIVAS

O temporal de choiva e vento que durante este mércores afecta a Galicia deixou máximas de vento de ata 152 quilómetros por hora en Oia (Pontevedra) e cuantiosas choivas, especialmente no interior da provincia da Coruña, onde en Val do Dubra ou Santa Comba se rozaron os 100 litros por metro cadrado ao longo desta tarde.

As choivas torrenciais, que causaron numerosas inundacións e cortes de estradas polo desbordamento dos ríos, foron especialmente cuantiosas no interior da provincia da Coruña.
Alí, superáronse os 98 litros por metro cadrado en Santa Comba e os 97 en Val do Dubra. Máis ao sur, en Lousame, rexistrábanse valores por encima dos 88 litros por metro cadrado e de 78,6 en Zas. En Coristanco, pola súa banda, superáronse os 64 litros por metro cadrado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta