Vázquez Taín: "A relación dos narcos con políticos non foi cousa do PP, foi con todos os partidos"

José Antonio Vázquez Taín, un dos xuíces máis mediaticos de Galicia, está convencido de que o narcotráfico arruinou o desenvolvemento de sectores económicos en Galicia. Este maxistrado, que nos anos 90 meteu en prisión aos principais narcotraficantes de Galicia, destaca nesta entrevista no GC que as cantidades de diñeiro que se moven poden chegar aos 1.000 millóns de euros. Dese diñeiro, os narcos galegos só quedarían co 30%.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 18/12/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Algo que quedou no imaxinario colectivo é a ostentación por parte dos narcotraficantes. Por que deixaban ou deixan ver todo a súa capacidade económica?

Coffe Shop en Amsterdam
Coffe Shop en Amsterdam | Fonte: La Otra Ruta

Iso está moi relacionado cun momento histórico concreto. A memoria é un elemento moi pouco exercitado en España, por iso hai que explicar como era a situación, xa non digo durante os anos 80, senón xa nos 90 ou anos 2000. Cando cheguei a Vilagarcía en 1998 a impunidade que tiñan era case total. Debe terse en conta que desde os anos 70 se lles deixou meter tabaco de contrabando e con ese tabaco puideron ter uns recursos económicos moi elevados. Iso non quere dicir que se trouxera tabaco, descargaran tabaco e o venderan. Hai que financiar o tabaco, é dicir, hai que crear unha infraestrutura de embarcacións e fornecedores de combustible. Todo iso precisa dunha andamiaxe que é moito máis grande que Zara. Se hoxe quitamos Zara de Galicia, economicamente iso sentiríase moitísimo. O contrabando deixouse medrar dunha maneira desmedida. Sempre se pensou no contrabando desde unha perspectiva galega. Hai que pensar que o tabaco chegado a Galicia estaba contratado polas mafias italianas desde Suíza. Almacenábase e distribuíase mediante mafias belgas e holandesas e outras mafias internacionais. Isto non era unha cuestión pequena. Se tes diñeiro e participan varios sectores, como o financeiro, de transporte ou man de obra, demostra que tes moitos contactos. Naquela época había moitos políticos que se deixaban querer.

-Coñecíanse eses políticos, había nomes máis mencionados?

Vivimos nun país onde o folclore ten moito peso e sempre se di o mesmo “estes eran catro de Alianza Popular ou do PP”. Non caían na conta de que as conexións entre contrabandistas, logo narcotraficantes, con políticos foi con todos os partidos. Non facían o de “merco un partido e gañan os outros acabo na cadea”. Cando faciamos unha redada para o outro día tiñamos unha manifestación co lema “legalización, non represión”. Todos os medios defendían os narcos. Agora van dicindo “non, nós xa denunciamos todo daquela”. Eu mesmo tiven unhas campañas en contra durísimas. Cando a cousa comezou a ir ben, claro que se sumaron ao carro.

O tabaco chegado a Galicia estaba contratado polas mafias italianas desde Suíza

Incautación de cocaína
Incautación de cocaína | Fonte: vanguardia méxico

-Presumían de contactos e cartos.

Se es un pailán que non tes máis que cartos, ou exhibes os cartos ou non exhibes nada. Deixábanse para que todos lles tivesen envexa, mesmo adoración. Ían cos seus coches pola rúa, coches de 200.000 ou 300.000 euros, uns modelos que ao mellor nin vías en Mónaco. Así mostraban a súa impunidade, que era difícil ir contra eles, tiñan os mellores avogados, os mellores carros e as mellores casas. Hai reportaxes da TVG, case en sepia, onde lle preguntaban a un rapaz “Que queres ser de maior?” e respondía “Narcotraficante”. Insultaban aos profesores dicíndolles “o meu pai gaña máis nunha noite que ti nun ano”.

-O mercado da droga é un sector fluctuante economicamente ou non mostra variacións?

O prezo da cocaína é o máis estable no mundo dentro do que son as drogas. O prezo de consumo na rúa está establecido pola dimensión dos billetes de diñeiro. Un home non vai comprar un gramo de cocaína, un chino ou un corte de hachís e fai cambio. As posturas teñen o prezo de 10, 20 ou 60 euros. Sempre se leva o billete porque o pase ten que ser instantáneo. Iso fai que os prezos nos últimos vinte e cinco anos non mudaran, si mudou un pouco a pureza. Daquela, os maiores beneficios está en que traes un cargamento, que pode estar nun 97% de pureza, aí si que che permite facer moitos cortes e sacar ao mellor de 2.000 kg, pois ter 25.000 kg para vender. Onde si hai fluctuacións é nas cadeas intermedias. Que hai pouca mercancía por problemas na produción ou por maiores incautacións, porque ao final, esa droga chega aquí e se vai. Entón, cando nunha zona determinada, onde hai consumo, un contratempo polo que sexa, nos ámbitos intermedios, antes de chegar á rúa, está máis caro ou menos caro. Teño visto un quilo de cocaína a 25.000 euros e teño visto a mesma cantidade a 36.000. Tamén digo que había algún narco que sempre tiña cantidades almacenadas para eses casos en que subía o prezo.

Non caían na conta de que as conexións entre contrabandistas, logo narcotraficantes, con políticos foi con todos os partidos

-Actualmente as grandes áreas de consumo son Norteamérica, Europa e ultimamente Australia. Ese estilo de consumo podería ser copiado por outras rexións do mundo?

O tema dos mercados vai ligado a idiosincrasia das persoas. Hai países en que cada xeración muda os consumos por aquilo de “estamos consumindo o mesmo que os nosos pais”. As fluctuacións van ligadas ao consumo de moda no momento, como pastillas e dentro delas unha determinada pastilla. Logo hai uns consumos base que están máis ou menos estabilizado por zonas. No mundo mediterráneo o consumo de estimulantes sempre é superior ao de relaxantes, para estar activos ata as tantas da mañá porque nos gusta estar de festa. En cambio, Portugal ou Reino Unido sempre foron de heroína que de cocaína. Mesmo podemos dicir que en momentos de grande consumo de cocaína, mesmo cando a Eric Clapton lle pagaron para compoñer unha canción sobre a cocaína e  promocionala, en Gran Bretaña seguiron así. Por que? Pois porque o seu carácter é máis de drogarse na casa co efecto que dá a heroína. Estados Unidos é un país onde a cocaína nunca chegou a ter un prezo superior a 25.000 dólares (22.500 euros aproximadamente). Se consegues metelo en Europa, cobrando en euros, é máis rendible introducilo en Europa que en Estados Unidos. O feito dos mercados vai en función da rendibilidade e de se hai consumo ou non. O feito de consumir unha substancia ou outra, vai no carácter das persoas e sociedades e dos hábitos de consumo.

-Narcotráfico é igual a pobreza?

Si, e ademais a un nivel escandaloso. Cando vías a ostentación dos narcos, pensabas que corrían os cartos. Non corren os cartos. Durante a época do tabaco había moito reparto porque era moita man de obra e porque eran moitas toneladas. Hoxe para mover dúas toneladas tes cinco persoas, págaslles e logo pagas o asesor para branquear os cartos. Mais o que queres é telo ti, non repartilo. Nunha análise que fixen puxen o exemplo do albariño. Moitos narcos tiñan adegas, Pazo Baión por exemplo. Esas adegas non producían nada. Tiñan unha infraestrutura impresionante, con máquinas que podían embotellar un millón de botellas e non embotellaban nin mil. Aínda así declaraban beneficios, por que?, porque é aparente. Non lles interesa que ese sector funcione. As outras adegas non teñen capacidade de competir con eles porque non tes capacidade de competir.

Teño visto un quilo de cocaína a 25.000 euros e teño visto a mesma cantidade a 36.000

-Os adegueiros tiñan que baixar os prezos.

Ata o ano 1999, cando comezamos as redadas, o albariño tiña unha produción simbólica e non exportaba. Nada máis se incautaron Pazo Baión ou a Quinta do Feital, puxéronse en mans de empresas do sector e hoxe exportan case que toda a produción. Outro exemplo é que nunha sentenza da Audiencia Nacional contra os Charlíns, din que as depuradoras de marisco que tiñan, vendían por debaixo do prezo para xustificar beneficios. Non se pode competir con eles porque van pagar todo en negro. Iso non crea riqueza.

-Existe tamén unha estratificación no tráfico de estupefacientes. Pode darse o caso de “mobilidade social” dentro desta división do traballo?

Si, esa mobilidade deuse de maneira brusca cando se pasou do hachís á cocaína. Os contrabandistas de tabaco pasaron a traer hachís porque daba máis beneficio. Había uns rapaces que traballaban para os contrabandistas e traficantes de hachís, que se independizaron para traer a cocaína pensando que “en tres ou catro anos estarei por encima dos contrabandistas”. Sito Miñanco independizouse con dezaoito anos cun grupo de oito persoas onde o de máis idade tería 22 anos. Cambiar dun escalón a outro precisa contactos e hoxe por hoxe, todos os contactos están copados. Se queres transportar, ou fas tratos coa mafia de alá ou coa de aquí. Ese círculo está xa moi pechado por fidelización e por precaución. Aqueles máis novos que estaban na cabeza do narcotráfico nos 90, non deixaron que medrase nada.

Cando faciamos unha redada para o outro día tiñamos unha manifestación co lema “legalización, non represión”

-En que estrato estarían os narcos galegos en comparación coas mafias máis poderosas?

Todo o mundo quere meterse no tráfico de drogas polos beneficios económicos. Vemos actos de narcoterrorismo no Levante español entre as dúas grandes bandas, holandeses e africanos contra os ingleses e franceses. Como non hai españois adícanse a matar e pór bombas porque os beneficios son moi grandes. Hai outras mafias especializadas noutros temas que non son tan rendibles. Aquí poden gañar nunha operación 60 millóns de euros con 2.000 quilos.

-Como se reparte?

Os galegos, que descargan, introducen e reparten, levan o 30%. O da planeadora pon un prezo e logo hai capos que eran máis xenerosos e outros que non. A xente que se adica ao delito non ten principios nin proxección de futuro. O que vin foi tres ou catro capos vivindo ben e os demais malvivían. Podías ver unha casa de pedra marabillosa e dentro non había nada. O mediano e o de abaixo tamén incorrían en consumo. Non vin esa vida de luxo das películas.

-As grandes cantidades de diñeiro pola contra, requerían unha boa infraestrutura para branquear.

As grandes sumas non entraban aquí. Antes da entrada do euro movíanse moitas divisas, moitos floríns holandeses no caso de Oubiña que ían de Ceuta aos Países Baixos ou paraísos fiscais. Se estás nunha situación intermedia non podes mover os teus cartos como os grandes capos. O que facían os de niveis intermedios era poñer o coche a nome da avoa, a casa a nome do pai e así tiñamos que rastrexar o núcleo familiar. O resto, sempre van un paso por diante no branqueo.

Aqueles máis novos que estaban na cabeza do narcotráfico nos 90, non deixaron que medrase nada

-Como?

Desde hai catro ou cinco anos empregan bitcoins. Se non fose polos traficantes de armas e os de drogas, os bitcoins non valerían nada. Como é unha moeda sen control, emprégase para branqueo de cartos. No sistema de investigación pasamos de sociedades interpostas a contas opacas a través de representantes internacionais e criptomoedas.

-Hai interese en controlar esa moeda?

Si, sempre hai un interese por facelo. É parecido a cando Apple non entrega os teléfonos á policía porque así protexe a intimidade dos clientes, o que fai é protexer a intimidade dos delincuentes. Así temos unha falsa imaxe de sempre se defenden os dereitos da persoa. Por esa regra de tres, se investigo unha rede de pederastia internacional sen que Apple me permita ver os teléfonos, logo pode saír na prensa que os xuíces son uns fascistas que queren vulnerar o dereito das persoas. Non, hai tantas cousas que investigar que non vou mirar a conta dun particular. Con todo, fanse operacións con éxito, mais se houbese transparencia sería máis doado.

-A legalización pode resolver algo?

O único país que o intentou foi Holanda e agora mesmo está restrinxindo porque foi un desastre. As drogas non se producen en todos lados, senón Venezuela xa produciría cocaína en vez de mercala. Imaxinemos que legalizamos a cocaína aquí. As nosas farmacias van á selva mercarlle porque lle ten que comprar a un delincuente. Se se legaliza, podemos venderlla a rapaces que xa son maiores de idade. En Holanda logo de legalizar o hachís, as mafias vendíanlle aos menores de dezaoito anos. Agora mesmo tiveron que prohibir o consumo a estranxeiros debido ao narcoturismo. Se non es holandés con tarxeta sanitaria non podes fumar hachís. A experiencia foi frustrante en Holanda, por certo, país por onde entran moitas substancias estupefacientes. O problema sanitario foi grande. De onde saen os señores da guerra? EE UU entrou en Irak pensando que era unha cuestión política e era unha cuestión de droga. O movemento de heroína foi tal que baixaron os prezos. As zonas de guerra é onde se produce droga. As zonas onde se produce petróleo non hai guerra. A legalización o único que faría sería aumentar o consumo en Occidente e aumentar a guerra onde se produce droga.

Se non fose polos traficantes de armas e os de drogas, os bitcoins non valerían nada

-Sería totalmente imposible entón a legalización?

Onde se produce heroína os musulmáns non tocan a droga porque senón non van ao paraíso. O que fan en Afganistán, Pakistán e Irak é levar man de obra desde África. Ti podes regular unha cousa e eles buscarán outra maneira por onde sacala. Hoxe o que se denuncia desde a ONU é o exceso de drogas legais. Fálase dos gases de efecto invernadoiro, mais non se fala dos metais pesados das industrias ilegais. En Occidente descubriuse que en moitos ríos hai restos de ansiolíticos, antidepresivos que acaban na auga. Penso que hai demasiadas drogas legais e que hai que empezar a valorar se se está facendo un bo uso desas substancias.

-Cre, como apuntan algunhas voces, que a introducción da heroína en barrios pobres foi grazas ao Estado?

Hai unha evolución histórica que se pode ver desde o século XV, onde os españois tiveron que ver por aportar tabaco para mesturar con opio. Logo viñeron dúas guerras do opio, que era o único que se lle podía vender a unha potencia, China, que tiña de todo. Nalgúns momentos puntuais permitiuse o tráfico. EE UU permitiu o tráfico nalgunhas zonas durante a Segunda Guerra Mundial para fornecer determinadas forzas paramilitares. Á mafia siciliana permitíuselle traficar mais nunca entrou en determinados barrios. O que si é certo é que a distribución se foi facendo por grupos étnicos. Durante os 70 comezouse a distribuir heroína por vendedores de etnia xitana. Non sei se por ser considerada como marxinal. Un grande traficante trae heroína, mais distribuír que o faga outro. Iso fixo que esa droga acabase en barrios marxinais porque os distribuidores xa eran marxinais. As pastillas están máis vinculadas ao ocio, quen distribúe moitas veces estudantes. Todas as miñas operacións que implicaban de 100 gramos para abaixo, sempre eran persoas de etnia xitana.

José Antonio Vázquez Taín
José Antonio Vázquez Taín | Fonte: burgostv.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

7 Bendito Chiringuito

No da legalización, o xuiz-estrela pérdese en camiños escuros, se cadra para non respostar directo. Se hai drogas legais (aquí acertado, e tanto!), de laboratorio recoñecido que se dispensan na farmacia, e permiten controlar aos consumidores e non provocan delitos, aquí está a marca do camiño correcto. Por lógica, o espazo debe ser amplo: Europa, por exemplo. A ilegalidade sostén negocios e sae cara á sociedade, acontece que moitos se benefician do que din combater. Pura hipocresía e falsidade do sistema político, xudicial e policial.

6 Bendito Chiringuito

Os xuices-estrela quítaslles o disfraz e a tarima e fican nús. Este señor é o que se coñece vulgarmente como un cantante: vaiselle a forza pola boca. As resposta, aquí, son disparos ao vento. Está demostrado que en AP e PP houbo convivencia co narcotráfico (senón hai condenados será por ter unha xustiza corrupta). Se outro(s) partido(s) están implicados, sinálese con claridade identificando responsables. O contrario é fume para tapar aos que xa sabemos.

5 Blancanieves

Andorra e Liechtenstein lavan más blanco. Solo sé que había nieve. Quién filtró las fotos?

4 Pavoreal

Sabe de todo este home. Para cando o próximo libro de contos, señoría?

3 Brasiño

Branquexar ao PP, esa é súa intención. "Todos son iguais".

1 Próculo

Certo. Non todos son iguais