O alcalde de Santiago afirma que a moratoria de novos pisos turísticos "non é definitiva"

Ve "desproporcionada" a oferta deste tipo de aloxamentos, que teñen "unha influencia sobre o prezo da vivenda brutal"

Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/12/2019 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, asegurou que a suspensión cautelar da autorización de novos pisos turísticos "non é definitiva" senón que busca "abrir un período de reflexión de 12 meses" para que se poidan "tomar as medidas que se consideren oportunas".

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo | Fonte: Concello de Santiago.

"Unha moratoria non é unha paralización definitiva, dámonos 12 meses porque necesitamos facer estudos, tramitar unha modificación do plan xeral, que non é un documento que se tramite dun momento a outro", expresou.

O alcalde incidiu en que o Consistorio busca "ter os estudos" para poder tomar unha decisión sobre os pisos turísticos e puxo o acento no feito de que a moratoria aprobada no pleno municipal do xoves tivese "16 votos a favor e sete abstencións". "Valóroo positivamente, é un nivel de consenso importante", indicou.

Bugallo tamén explicou que o goberno municipal optou por formular unha moratoria por "cuestións de garantía legal" tendo en conta que en cidades como Madrid ou Barcelona, nas que se optou por ordenanzas, estas "foron recorridas".

"Acudimos ao ámbito urbanístico porque é no que máis clara está a competencia municipal. A competencia turística é exclusiva da comunidade autónoma e o concello só pode velar polo cumprimento da normativa urbanística", sinalou.

UNHAS "80 SOLICITUDES"

Na súa intervención, o rexedor informou de que, na actualidade, o servizo de urbanismo ten "máis de 80 solicitudes" para a posta en marcha de novos pisos turísticos nun contexto no que en Santiago hai "5.600 prazas hoteleiras" e fálase de "ata 6.000 en pisos e apartamentos turísticos".

"Supón a mesma oferta que a totalidade de prazas hoteleiras. Isto parécenos desproporcionado e ten unha influencia sobre o prezo da vivenda en Santiago brutal, necesitamos acoutar este problema e xestionalo adecuadamente", sinalou.

"Non me asusta que en Santiago poida haber 600 pisos turísticos, o que non podemos consentir é un crecemento desproporcionado", incidiu o alcalde da capital galega nunha comparecencia na que cifrou en 641 os autorizados na cidade e que se elevan ata uns "1.500" en épocas como a estival.

Por último, tras lembrar que as competencias de turismo corresponden á Xunta, Bugallo asegurou observar no conselleiro Román Rodríguez unha "actitude receptiva" sobre esta problemática".

"Temos previsto crear un equipo de traballo coa Consellería e non só pedimos á Xunta implicación, senón que tamén estamos dispostos a asumir as responsabilidades que nos correspondan no que é a nosa competencia", indicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta