A Deputación de Pontevedra pon en valor o traballo das mulleres do mar

Presenta a nova campaña de igualdade da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA).

Por E.P. | Pontevedra | 20/12/2019 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres a nova campaña de igualdade da Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca (ANMUPESCA) xunto a Rita Míguez de la Iglesia, presidenta deste colectivo.

Manola, redeira de Cangas no Berbés
Manola, redeira de Cangas no Berbés | Fonte: © Miguel Núñez.

Anmupesca é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 2016 que ten entre os seus principais obxectivos visibilizar as mulleres profesionais do mar, reforzando o seu empoderamento, contribuíndo ao aumento do recoñecemento e conciencia social, sobre o papel que elas desempeñan e a súa achega ao sector.

Con apenas dous anos de traxectoria, esta entidade leva desenvolvido un importante traballo no ámbito do asociacionismo a nivel estatal, logrando neste momento a incorporación de 21 asociacións que aglutinan máis de 10.000 mulleres vinculadas ao mundo do mar de todo o territorio estatal na asociación.

A campaña presentada este venres leva o lema 'Elas son a forza do Nadal' e ten como protagonistas a Magdalena, Mariña, Marta, Pilar e Soledad, que poñen os seus rostros para reflectir a necesidade de consumir produtos das "nosas rías" e o traballo de todas as mulleres do sector.

Ademais de chegar aos medios de comunicación da provincia, a campaña 'Elas son a forza do Nadal' difundirase nos centros educativos e nas prazas de abastos e mercados.

UNHAS "HEROÍNAS"

A presidenta da Deputación de Pontevedra expresou o seu agradecemento a todas estas profesionais do mar. "Son unhas heroínas que me fan sentir moi pequena. Meréceno todo", dixo.

Para Carmela Silva, "elas son as artífices da engrenaxe que comeza na ribeira e finaliza nunha boa cea de Nadal", por iso entende que "é necesario concienciar de que estas materias primas son froito dun traballo esixente, moi físico e no que moitas mulleres poñen a súa saúde en perigo".

A presidenta provincial considera que esta é "a campaña principal e máis xusta" da Deputación, porque "elas son fundamentais, achegan moito ao mar e son as que defenden a súa sustentabilidade". "Estamos coas mulleres que traballan neste sector, gústelle a quen lle guste, porque é unha obriga", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta