O temporal 'Fabien' provoca xa máis de 1.400 incidencias en Galicia

Redúcense de 60.000 a 44.000 os fogares sen luz no rural galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2019 | Actualizada ás 09:50

Comparte esta noticia

O temporal 'Fabien', que azouta a Galicia desde este sábado deixou este domingo refachos de vento por encima dos 130 quilómetros por hora en varios municipios. Con todo, de novo o valor máis extremo arroxouno Viveiro, onde os refachos alcanzaron os 163,9 quilómetros por hora.

Tamén na costa, na estación de Punta Candieira, en Cedeira, os refachos alcanzaron os 139,7 quilómetros por hora. No interior, a marca vólveo a ter Cabeza de Manzaneda con ventos de ata 135,6 quilómetros por hora. Ademais, superaron a barreira dos 130 os municipios lucenses da Pontenova (134,2 quilómetros por hora) e Cervantes (131,7), e a localidade coruñesa de Vimianzo (131,4).

En canto ao mar, as boias colocadas na costa galega por Portos do Estado informan de que aínda neste mediodía hai ondas por encima mesmo dos 8 metros de altura. En concreto, a boia de Estaca de Bares, ao norte do litoral de Galicia, rexistrou ao redor das 13,00 horas unha ondada de 8,32 metros. Máis baixos, aínda que tamén importantes, son os valores recolleitos pola boia de Cabo Vilán-Illas Sisargas (7,85 metros) e a ce Cabo Silleiro(7,73).

Ondas na praia de Meirás, Valdoviño (A Coruña) temporal, ondada  Ondas na praia de Meirás, Valdoviño (A Coruña) temporal, ondada. EUROPA PRESS - Arquivo
Ondas na praia de Meirás, Valdoviño (A Coruña) temporal, ondada Ondas na praia de Meirás, Valdoviño (A Coruña) temporal, ondada. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

INDICENDIAS

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia contabilizou un total de 1.430 incidencias relacionadas cos efectos do temporal 'Fabien', que afectou Galicia durante este sábado e a madrugada do domingo.

Por provincias, a máis afectada foi A Coruña, onde se alcanzaron as 567 incidencias. Pontevedra, pola súa banda, sumou 349, seguida de Lugo, con 325 e Ourense, con 186 incidencias rexistradas. A caída de árbores e ramas nas vías de circulación (808), as accións de prevención de riscos (239), cables de luz e teléfono nas estradas (77) e postes caídos nas calzadas (59) foron as incidencias que máis se repetiron.

No relativo aos concellos, destaca o da Coruña con 48 incidencias, aínda que se se suman as que atenderon os servizos municipais, alcanzan as 150.

Tamén se rexistraron varios problemas en Santiago de Compostela e Oleiros, onde se atenderon 31 incidencias en cada caso, e en Carballo, que sumou 29. Na provincia de Pontevedra, A Estrada alcanzou as 37, Lalín as 34, Pontevedra sumou 19 e Ponteareas 18. No concello de Lugo contabilizáronse 23, mentres que en Viveiro houbo 19, en Chantada 18 e en Vilalba 13. Por último, na provincia de Ourense, O Carballiño sumou 10 incidencias, Celanova 9 e Ribadavia 7.

VAI CHEGANDO A LUZ ÁS CASAS

Uns 17.000 fogares galegos, sobre todo na provincia de Ourense, continúan con problemas na subministración eléctrica por mor das incidencias derivadas do temporal 'Fabien'. Segundo informaron a Europa Press fontes de Naturgy, os cortes na subministración eléctrica afectan a última hora do domingo a uns 17.000 clientes, unha cifra significativamente inferior aos 60.000 que non tiñan luz a media mañá. Durante a noite, os efectos do temporal chegaron a deixar a 78.000 fogares sen electricidade.

A situación viuse especialmente afectada polos fortes ventos que sopraron en toda Galicia ao longo deste sábado e mesmo o domingo, onde están a ser especialmente virulentos na provincia de Ourense. Por provincias, esta tarde a máis afectada é a de Ourense, onde están sen luz uns 8.500 usuarios. Así mesmo, tamén hai afectados uns 3.500 fogares en Pontevedra, 2.500 na Coruña e 2.500 en Lugo.

SUCESOS MÁIS DESTACADOS

Entre as incidencias máis destacadas, a pasada noite, un tren que cubría a liña entre Vigo e Barcelona chocou contra unha árbore caída nas vías en Ribadavia, aínda que non se rexistraron danos persoais. Debido ao impacto, que tivo lugar ao fío das 22,15 horas, o tren resultou avariado e foi necesario que unha máquina de socorro remolcase o convoi ata a estación de Ourense coa pasaxe a bordo. Finalmente, segundo informou Adif ao 112, as persoas que viaxaban no tren terminaron o traxecto en autobús.

Ademais, unha persoa necesitou asistencia médica este sábado despois de que caese encima do coche no que circulaba unha árbore en Cortegada. Ocorreu preto das 17,00 horas e, nada máis recibir o aviso a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, desde o 112 informouse do ocorrido aos Bombeiros do Carballiño e ao GES de Ribadavia.

En Cambre caeron varias partes do tellado dun edificio de 4 alturas na Praza da Ría, golpeando e rompendo a canalización do gas. Desde o CIAE mobilizouse á Policía Local, aos Bombeiros de Arteixo, á empresa subministradora de gas e ao Servizo Municipal de Protección Civil.

En Carballo, no Colexio Fogar, na rúa Vila de Noia, levantouse o tellado do centro e, en Ortigueira, perdeu as súas cubertas a piscina municipal, mentres que en Cerdido unha muller resultou ferida ao chocar o vehículo no que circulaba contra unha árbore caída na vía. Ocorreu na AC-102, á altura do Carballeiro.

Por último, no termo municipal ourensán do Bolo caeu o alicerce dunha ponte, que se afundiu, no lugar da Barxa, onde pasa o río Xares, na estrada que une A Barxa co Seixo, en Petín. Trátase dunha vía secundaria que une as aldeas da Barxa co Seixo e hai outras vías alternativas, polo que os pobos non quedaron incomunicados.

O temporal 'Fabien' azoutou Galicia este sábado con fortes ventos, que superaron os 140 quilómetros por hora en numerosas localidades e que chegaron ata os 183 na localidade lucense de Viveiro, aos 176 na cabeza de Manzaneda e aos 166 quilómetros por hora en Punta Candieira, en Cedeira.

TRENS E AEROPORTOS

Durante a xornada deste domingo volvéronse a dar problemas nas liñas ferroviarias debido ás condicións meteorolóxicas adversas. Ao longo da tarde a vía entre Redondela e Louredo-Valos foi interceptada debido á caída dunha árbore na catenaria. Ademais, os viaxeiros dun dos traxectos que unía Ribadeo con Ortigueira foron desprazados por estrada debido á interrupción da vía. En canto aos trens de longa distancia, o Alvia que viaxaba da Coruña a Barcelona Sants ás 13,55 sufriu un atraso de máis de dúas horas polas condicións meteorolóxicas adversas. 

Pola súa banda, nas estradas e aeroportos tamén se rexistraron dificultades. Na rede viaria houbo retencións mentres que nos aeroportos os voos non puideron saír a tempo nalgunhas ocasións. A pesar de todo, a rede de infraestruturas en Galicia foi recuperando a normalidade ao longo do día e a tal hora persisten incidencias leves que se irán solucionando co paso das horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta