Recollendo pilas para impulsar a reciclaxe na rapazada máis nova

O concurso escolar 'Pilabot' comezará o 13 de xaneiro en 150 centros educativos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2019 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

O concurso escolar 'Pilabot' de recollida de pilas comezará o 13 de xaneiro en 150 centros educativos de toda Galicia coa finalidade de concienciar ás novas xeracións sobre o impacto ambiental que ten este tipo de residuos.

O certame, que celebra a súa segunda edición, repartirá un total de 7.500 euros divididos en catro premios e dúas categorías, a aqueles centros que consigan recuperar a maior cantidade de pilas, acumuladores e baterías usadas. O diñeiro deberá ser destinado á compra de material escolar e deportivo ou á organización de actividades educativas.

Os 150 colexios participantes- concretamente, 62 de Pontevedra, 54 da Coruña, 19 de Ourense e 15 de Lugo- terán de prazo ata o 31 de marzo para recompilar a maior cantidade de residuos posibles e depositalos en bidóns que a Xunta repartirá o 13 de xaneiro, xunto co resto de material da campaña.

O obxectivo do Goberno galego é "superar os bos resultados" do curso pasado no que se recolleron case 44 toneladas de residuos, o que supuxo a quinta parte das 230,5 toneladas recuperadas en total na comunidade.

Ademais, a Consellería de Medio Ambiente busca "fomentar" desde os colexios a correcta separación das pilas, altamente contaminantes, co fin de "profundar" na concienciación da rapazada máis pequena sobre a reciclaxe e a recollida selectiva de residuos.

Os Bolechas, de Pepe Carreiro, ensinan o proceso de reciclaxe
Os Bolechas, de Pepe Carreiro, ensinan o proceso de reciclaxe

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta