Contas sitúa no "nivel medio" o control de risco de corrupción na Xunta

O conselleiro maior entrega ao vicepresidente autonómico un diagnóstico sobre os sistemas de control interno na Administración. O documento suxire crear un comité de ética.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2019 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

O Consello de Contas encadra nun "nivel medio" a implantación do control interno ante a corrupción na Xunta de Galicia, á vez que suxire implantar "de forma gradual" un comité de ética e unha liña específica de denuncias para investigar "posibles actos contrarios á ética institucional". Así se expón no diagnóstico das estratexias de prevención de riscos da corrupción, un documento elaborado polo organismo fiscalizador de Galicia e que este luns o conselleiro maior, José Antonio Redondo, entregou ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo | Fonte: Xunta.

O informe, correspondente ao ano 2018, que tamén foi remitido ao Parlamento de Galicia, valora que aínda que na Administración galega "existen medidas e realizáronse accións e esforzos propios" para adoptar un sistema de control interno, estas están nun "nivel medio" de desenvolvemento e aínda "necesitan dun impulso para constituír un sistema consolidado".

Neste contexto, Contas inclúe entre os aspectos "que se deberían abordar de forma prioritaria" unha política de integridade que dote dunha "armazón común" a todos os departamentos da Xunta e as súas entidades dependentes.

Ademais de "actualizar e difundir" o código ético institucional xa existente, a institución fiscalizadora apela a crear "un comité de ética" que investigue as denuncias "sobre comportamento ético e os dilemas éticos" que se presenten na xestión pública.

"UNHA LIÑA DE DENUNCIAS ESPECÍFICA"

Seguidamente, Contas avoga por dotar a Administración dunha "liña de denuncias específica" para dar parte de actos "contrarios á ética e conduta institucional" e configurar "un estatuto do denunciante" que aborde os "dereitos" de quen comunique algunha irregularidade.

O informe tamén incide na necesidade de ter unha "política de formación" actualizada de forma "permanente" e en que cada consellería do Goberno galego dispoña dun órgano "con autonomía funcional", encargado de supervisar o cumprimento de todas estas medidas.

Durante o acto de entrega do documento ao vicepresidente da Xunta —tamén responsable da área de Administracións Públicas—, o conselleiro maior valorou o traballo "moi concienzudo" elaborado por parte da área de Conta Xeral.

Así mesmo, José Antonio Redondo asegurou que con este informe se abre "un novo camiño" no control e a prevención da corrupción, tarefa encomendada "no seu día por unha comisión parlamentaria" do Lexislativo ao Consello de Contas.

"DEBILIDADES" E "COMO CORRIXILAS"

Pola súa banda, o responsable da área de Conta Xeral, Constantino Carreira, explicou que se trata dun documento "técnico" que identifica "debilidades" por parte da Administración e "como corrixilas". Non en balde, advertiu da importancia de que a Xunta se "comprometa e incorpore" as súas recomendacións.

Finalmente, o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, prometeu que revisará o informe "con atención", posto que "o máis importante" na loita contra a corrupción é, segundo as súas palabras, "previr".

Por iso, destacou que o Consello de Contas é un organismo "absolutamente obxectivo e independente" cuxa labor de prevención da corrupción vén "do ano 2014", por mor dunha "crise de credibilidade" dos poderes públicos "moi forte".

Segundo lembra a Xunta, o documento entregado este luns é froito dun protocolo asinado en novembro do ano pasado co que Galicia se converteu "na primeira comunidade autónoma en asumir de forma voluntaria mecanismos de autorregulación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta