A maior compañía de espionaxe do mundo vixía o independentismo galego

Stratfor Global Intelligence cualificou en 2010 como "leve" o movemento secesionista en Galicia e salientou que "dende 1990 o BNG foi abandonando o discurso separatista". GC accedeu, a través dun convite confidencial de WikiLeaks, aos máis de 5 millóns de correos electrónicos filtrados da que é coñecida como "a CIA na sombra". Correos electrónicos en PDF no interior.

Por Alberto Quian | Madrid | 21/08/2012 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

"O movemento polo secesionismo é moi leve en Galicia". Así o sentencia un breve informe da compañía de espionaxe privada Stratfor Global Intelligence. GC tivo acceso a este documento a través dun convite confidencial de WikiLeaks para consultar a enorme base de datos cos máis de 5 millóns de correos electrónicos que obtivo WikiLeaks desta empresa de intelixencia global, coñecida entre os analistas como "a CIA na sombra".

Stratfor é a maior compañía de intelixencia do mundo.
Stratfor é a maior compañía de intelixencia do mundo.

O devandito correo electrónico foi enviado o 28 de xullo de 2010 pola informante Elodie Dabbagh á sección de análise para Eurasia de Stratfor Global Intelligence. Neste correo electrónico, enviado co asunto "[Eurasia] TASKING - Secessionism", Dabbagh cualifica as principais correntes independentistas en Europa, iniciando o seu informe cunha sucinta análise da situación do nacionalismo galego.

"Procurarei ser breve, pero se pode ampliar se é necesario", comeza escribindo Dabbagh para logo dar conta da situación dos movementos secesionistas en Europa, incluídos os de Euskadi, Cataluña, a provincia autónoma de Nagorno Karabaj (Acerbaixán), Bélxica, Córcega (Francia) e o pobo saami en Noruega, Finlandia, Suecia e Rusia.

O breve informe foi remitido seis días despois de que o Tribunal Internacional de Xustiza da ONU sentenciase que a declaración secesionista de Kosovo do 17 de febreiro de 2008 non vulneraba o dereito internacional. Foi precisamente este feito o que motivou a comunicación entre a informante de Stratfor e a sección para asuntos en Eurasia para analizar o estado dalgúns movementos secesionistas e o seu parecer sobre a independencia de Kosovo.

Secesionismo galego

Elodie Dabbagh comeza a súa breve análise sobre o secesionismo en Eurasia abordando o caso do nacionalismo galego. Neste caso non existen referencias que vinculen dalgún xeito o independentismo kosovar e galego. Dabbagh céntrase en describir a composición do Parlamento de Galicia e a situación da corrente nacionalista a través de mínimas pinceladas.

Se hai algo que pasma ao ler o correo de Dabbagh é a cifra que dá sobre a poboación galega. Segundo a informante de Stratfor, existen "aproximadamente 10 millóns de galegos no mundo, inluíndo 2.796.089 en Galicia (6-7% da poboación de España)", sinala no seu informe. A informante non sinala ningunha fonte da que supostamente obtivo estes datos que ninguén coñece. De feito, os datos oficiais son notablemente menores: no ano 2010 había oficialmente 401.068 galegos residentes no estranxeiro, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), aos que habería que sumar outros preto de 400.000 residentes noutras comunidades autónomas do Estado español. E os analistas máis atrevidos falan darredor de 1,3 millóns de emigrados, ampliando a identidade galega a varias xeracións.

A partir de aquí, a informante de Stratfor céntrase en describir o movemento nacionalista galego. Dabbagh salienta que "o apoio popular á independencia" é "baixo" en Galicia, e para xustificar esta conclusión fai referencia a "unha enquisa recente" da que non ofrece a fonte, na que se conclúe que "o 75% dos galegos se senten máis españois que galegos".

Dabbagh tamén sinala que Galicia "conta cun autogoberno parcial, na forma du goberno con transferencias, creado o 16 de marzo de 1978 e reforzado polo Estatuto de Autonomía de Galicia, ratificado o 28 de abril 1981".

Logo pasa a describir a composición actual do Parlamento de Galicia para dar paso a unha breve valoración da evolución do discurso do BNG nos últimos vinte anos:

"Dende 1990 o BNG foi abandonando o discurso secesionista e as reclamacións de autodeterminación rara vez se producen, sobre todo dende que o partido rexionalista Unidade Galega se uniu á coalición", explica Dabbagh.

Finalmente, Elodie Dabbagh conclúe que "o movemento polo secesionismo é moi leve en Galicia".

Lista de rexións secesionistas

Este correo electrónico enviado por Elodie Dabbagh responde a outra serie de e-mails intercambiados entre varios informantes de Stratfor e o vicepresidente de Intelixencia Estratéxica, Rodger Baker, para elaborar unha ampla lista coordinada polo analista xeopolítico Marko Papic cos movementos indepentistas máis importantes na rexión de Eurasia. 

Neses correos vanse propoñendo listas de rexións por países agrupadas e clasificadas nunha escala de cinco niveis segundo a intensidade dos movementos secesionistas, sendo I a máis baixa e V a máis alta. Cada rexión asígnase a un informante.

Papic fala neses correos de poñer en marcha unha serie de "tarefas sobre o secesionismo en Europa" para "evaluar [...] a través das nosas fontes a situación das rexións secesionistas de Europa".

Papic sinala nun principio que o equipo terá que clasificar as distintas rexións en "catro niveis de secesionismo", mais finalmente, nun intercambio de correos co departamento de analistas de Stratfor e con George Friedman —o ideólogo e fundador desta compañía de intelixencia— envía a lista definitiva con cinco niveis de intensidade das correntes indepentistas xunto cos breves informes elaborados polos seus colaboradores.

Nivel I: o secesionismo é algo que se "coce a fogo lento", sinala Papic, quen engade: "Si, o secesionismo é unha idea, pero a rexión non ten ningún interese en perseguila", se ben "podería suceder nalgún momento no futuro se as condicións son as axeitadas ou cambian", comenta aos seus compañeiros. Neste grupo inclúe a Galicia, ademais de Lombardia (Italia), Krajina (Croacia), Vojvodina (Serbia), Tartaristán (Rusia) e as terras dos saami en Noruega, Finlandia e Suecia.

Nivel II: "O secesionismo está activo pero é débil", indica Papic, quen explica: "O secesionismo é máis que unha idea lonxana -cando non un obxectivo declarado abertamente-, é un desexo, pero a rexión non dispón de medios na procura da mesma; é moi débil". Neste grupo inclúen ao País Vasco, Herzegovina Occidental (Federación de Bosnia y Herzegovina), Carpato-Rutenia (Ucraína), Sandžak (Serbia e Montenegro), Crimea (Ucraína) e as terras dos székely en Romanía.

Nivel III: segundo Papic, o independentismo é "activo", pero "sen violencia". "O secesionismo é o obxectivo declarado, pero a rexión non usa a violencia para acadalo", comenta o analista. Neste grupo inclúe a Cataluña, Bélxica, Groenlandia (Dinamarca), Illas Feroe (Dinamarca) e Escocia.

Nivel IV: Papic fala de secesionismo "activo" con "posible violencia". Para o analista de Stratfor, "o secesionismo é o obxectivo declarado e a violencia, un medio potencial (ou activo) para acadala". Papic inclúe neste nivel a Republica Srpska (Bosnia), Transnistria (Moldavia), a rexión albanesa de Macedonia, Kosovo do Norte (Serbia), Nagorno Karabaj (Acerbaixán), Adjara e Samtskhe-Javaheti (Georgia) e as repúblicas da Federación Rusa de Chechenia, Ingusetia, Kabardia-Balkaria, Bashkortostán, Adygea, Karachai-Cherkessia e Osetia do Norte.

Nivel V: neste nivel Papic inclúe as rexións nas que "a secesión é un feito" pero "a violencia aínda é posible". Aquí inclúe a Osetia do Sur e Abxacia.

Metodoloxía

Marko Papic sinala no intercambio de correos que "metodoloxicamente se necesitan cinco cousas" para analizar as distintas rexións:

1. A resposta de cada rexión ao fallo da Corte Internacional de Xustiza sobre a declaración de independencia de Kosovo.
2. Unha evaluación do apoio exterior a cada rexión.
3. O apoio popular á secesión.
4. Unha evaluación da autoridade -política e/ou militar- do territorio.
5. Consultar a fontes na rexión como perciben a decisión da Corte Internacional de Xustiza e que vai ser o seguinte.

Medios de comunicación

No correo enviado a Rodger Baker, Marko Papic consideraba que os medios de comunicación están a errar ao concentrar a atención nas "rexións equivocadas". Papic adiantaba que a independencia de Kosovo e a opinión da Corte Internacional de Xustiza tería "un impacto menor nas rexións da antiga Unión Soviética" e consideraba que era en Europa Occidental e os Balcáns onde a decisión da Corte Internacional tería "un maior impacto". 

"Nos Balcáns, debido á aplicabilidade directa para a República Srpska en Bosnia e Herzegovina, e para os albaneses en Macedonia; e en Europa Occidental, debido a que unha opinión da Corte Internacional de Xustiza e a lexitimidade xurídica teñen moito máis peso en España ou Reino Unido que en Acerbaixán e Rusia", xustifica Papic.

Descarga os correos electrónicos de Stratfor

http://www.galiciaconfidencial.com/ficheros/2012_8_20_13202.pdf.

http://www.galiciaconfidencial.com/ficheros/2012_8_20_13203.pdf

http://www.galiciaconfidencial.com/ficheros/2012_8_20_13205.pdf

Tamén se pode consultar a nova de GC dende a páxina web de WikiLeaks.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 21 comentarios

15 June C. Clough

Here are some http://famousgreenteas.wordpress.co... tips for Bi Luo Chun, only fresh leaves with ono bud and newly spread leal is packed in keeping with the principle of early picking, priority to tender buds and selection without impurities.

14 Spidercan

Non sei que opinará Belén Esteban. Penso que este artigo é propicio para un programa especial de "Sálvame diario" e de invitados especiais a Feijoo máis Manolo o do Bombo. Moitos dos votantes de Feijoo, logo de escoitalo, reafirmaríanse na súa intención de voto, e contando co apoio de Manolo o do Bombo, obtería unha gran rendabilidade electoral.

13 Veritas

Meu Deus que titular tan sensacionalista, noraboa pola vosa colaboración con Wikileaks... pero en serio o titular é de traca.

12 Arraiano

"From 1990 BNG has gradually abandoned the secessionist discourse and claims for self-determination are rarely produced, especially since the regionalist party Unidade Galega (Galician Unity) joined the coalition." - Vendo a chapuza a que cheira este informe e sabendo o ignorante que adoita ser o americano medio con aquelo que está alén das súas fronteiras, creo que éstes deben pensar que o de "Galician Unity" ten que ver algo cunha caste de unionismo galego-españolista.

11 Arraiano

E ós señores eses de Stratfor cánto lles pagan por facer eses informes? Porque dende logo están "tangando" ós clientes: para a información sobre o independentismo en Galicia non creo que se tomasen máis traballo ca mirar na Wikipedia e pouco máis. E sacar daí que "espía o independentismo galego"... síntoo, pero iso é querer darse aires. Ó final resulta que os "bombazos" de Wikileaks non son máis ca conachadas sen relevancia. Botafumeiro de máis é o que se lle está a dar a este asunto, que non vai a ningures.