GC accede aos emails que WikiLeaks filtrou da axencia de intelixencia Stratfor

GC foi convidado por WikiLeaks a acceder á enorme base de datos que contén os correos electrónicos da compañía de espionaxe privada Stratfor, sita en Texas, que presta servizos secretos a ministerios de Defensa e de Exteriores de todo o mundo, embaixadas e grandes multinacionais. GC comeza hoxe a publicación dunha serie de artigos sobre estes correos cun texto sobre o movemento indepentista galego.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/08/2012 | Actualizada ás 11:02

Comparte esta noticia

"Vostede foi convidado de xeito confidencial a participar no grupo de investigación de WikiLeaks sobre os Arquivos de Intelixencia Global (os GI Files), máis de cinco millóns de mensaxes de correo electrónico desde a sede en Texas da empresa de intelixencia global Stratfor".

The Global Intelligence Files
The Global Intelligence Files

Con esta mensaxe e co envío dun código de acceso único, WikiLeaks convidou ao colaborador do GC, o xornalista Alberto Quian a acceder á base de datos que a organización fundada polo hacker australiano Julian Assange creou para facilitar a investigación e publicar artigos e traballos sobre os correos electrónicos que obtivo da axencia de intelixencia global Stratfor.

Son máis de cinco millóns de comunicacións entre distintos responsables, analistas e informantes de Stratfor, enviados entre xullo de 2004 e finais de decembro de 2011, dos cales "só o un por cento deles foron feitos públicos até o de agora", sinala WikiLeaks.

Estes correos electrónicos revelan o funcionamiento interno dunha empresa de vixilancia transnacional, pero tamén proporcionan informacións confidenciais de intelixencia elaboradas para grandes organizacións e mesmo para o Departamento de Seguridade Nacional e a Axencia de Intelixencia de Defensa de Estados Unidos.

Maximizar o impacto

Grazas ao sistema de convite único artellado por WikiLeaks para acceder á súa base de datos a través de Tor —unha ferramenta para o cifrado anónimo de navegación web—, GC poderá facer buscas exhaustivas entre os millóns de mensaxes de correos electrónicos utilizando o sofisticado motor de procuras que WikiLeaks puxo a disposición dalgúns xornalistas, investigadores universitarios e responsables de organizacións polos dereitos humanos.

O obxectivo deste sistema, explica WikiLeaks, "é maximizar o impacto global dos GI Files mediante o subministro restrinxido a quen teñen máis probabilidades de investigar e publicar sobre estes arquivos", explica a organización.

Por iso, cada publicación que se faga en GC irá coordinada a través do seu sistema con WikiLeaks, que compartirá as ligazóns das novas publicas neste xornal a través da súa páxina web e das súas contas en Twitter e Facebook.

Secesionismo galego baixo vixilancia

O primeiro dos artigos que publicamos hoxe recolle as partes máis relevantes dos correos de Stratfor sobre o movemento independentista en Galicia no marco das correntes secesionistas en Europa (ler o artigo).

Membros de Stratfor preocupáronse por debullar o secesionismo no Vello Continente nos días posteriores ao ditame do Tribunal Internacional de Xustiza do 21 de xullo de 2010, no que consideraba que a declaración secesionista de Kosovo non vulneraba o dereito internacional.

Nas próximas semanas, GC irá publicando máis correos electrónicos de Stratfor que considere  que son de interese xeral.

Contribucións a través de GC Plus

GC volve a demostrar que é un medio 100% independente comprometido coa información plural e en galego. Na actualidade é o diario dixital máis lido na Internet entre os publicados na lingua propia e suma máis de 11.000 seguidores nas redes sociais, unha cifra superior á maioría da prensa en papel do país.

GC mantense grazas fundamentalmente aos seus contribuidores do GC Plus. É o seu apoio o que permite que GC continúe aberto e sega a medrar.

Mais para continuar coa nosa tarefa e poder dedicarlle tempo e recursos técnicos e humanos a traballos de investigación como este que estamos a facer con WikiLeaks, GC precisa máis axudas a través de achegas económicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 WTF

Foi convidado confidencialmente e dicides o nome do jornalista? isso nom supora que ao jornalista vanlhe pinchar quanto telefone toque e demais parafernalia? Falo dende a case total ignorancia sobre o mundo jornalistico. Por certo, lucistesvos ca panfletada do de Nova Iorque ;)