Os efectos do discurso de Felipe VI en Galicia

Os principais partidos políticos galegos analizan a mensaxe do monarca español de xeito completamente diferente; desde os populares que apuntan ás críticas de Felipe VI ao independentismo á oposición que considera o seu discurso "fóra da realidade".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/12/2019 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

Non hai unanimidade sobre o tradicional discurno de Nadal do monarca español, Felipe VI. Así, o PPdeG asegura que o PSOE está "máis preto de ERC" que da "sensatez" do rei español, mentres que Gonzalo Caballero destaca a defensa da Constitución e o rexeitamento dos "extremismos". Común da Esquerda critica se some a "os constitucionalistas a tempo parcial", o BNG considera que a mensaxe do rei "volve estar moi afastado da realidade" da cidadanía galega e En Marea lamenta que o rei non denunciase no seu discurso ás forzas políticas que "fan bandeira do machismo".

Felipe VI
Felipe VI

Así, o secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado, valorou este mércores o discurso de Nadal do monarca español e, tras destacar a "idoneidade das súas palabras", lamentou que o Partido Socialista estea "máis preto de ERC" que da "sensatez do rei". "Houbo un tempo no que a mesura da Casa Real tiña fiel reflexo nos dous grandes partidos estatais. Por desgraza uno deles está hoxe máis preto do discurso de ERC que da sensatez de Felipe VI", apuntou.

Nun comunicado remitido aos medios tras a emisión do tradicional discurso de Nadal pronunciado por Felipe VI, o dirixente popular cualificou de "acerto" a reivindicación da Constitución feita polo monarca. "A súa defensa da diversidade territorial de España, compatible plenamente cunha unidade do Estado, é a nosa forma de entender a política de hoxe fronte aos que queren facer negocio da ruptura do país", manifestou.

PSdG

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, puxo en valor que o rei español aproveitase o seu discurso de Nadal para defender a Constitución e os valores de "igualdade, solidariedade e liberdade". "Coincidimos na defensa da Constitución e na confianza do noso país para abordar os grandes retos de futuro, así como na importancia da igualdade, a solidariedade e a liberdade", resaltou o líder dos socialistas galegos.

Así mesmo, valorou que o xefe do Estado rexeitase explicitamente "os extremismos", entre os cales Gonzalo Caballero citou a ultradereita. Ademais, celebrou que o monarca mencionase aos sectores "máis vulnerables da sociedade, o desemprego e a desigualdade".

COMÚN DA ESQUERDA

O Grupo Común da Esquerda lamentou que se sumase "os constitucionalistas a tempo parcial", "que usan a Constitución como arma política pero que a esquecen para defender asuntos fundamentais como o emprego, o dereito á vivenda ou a igualdade entre homes e mulleres".

Así o expresou nun comunicado remitido aos medios una das portavoces do Grupo, Luca Chao, quen censurou que o xefe do Estado non tivese "nin un segundo" para acordarse "das decenas de vítimas da violencia machista".

EN MAREA

No mesmo sentido se manifestou o portavoz de En Marea, Luís Villares, que mostrou o seu descontento co discurso e censurou que non aproveitase para denunciar ás forzas políticas que "fan bandeira do machismo, da contaminación e da precariedade". Nun comunicado remitido aos medios tras a emisión do tradicional discurso do Nadal, Villares considerou que a mensaxe mostra, unha vez máis, que "a monarquía española é unha institución anacrónica que ten que desaparecer".

"O certo é que a única preocupación que ten o monarca, que expresa e pola que toma partido, ten que ver co debate político sobre a forma de organización da convivencia e que é consecuencia dunha tensión democrática por decidir a forma de organización política", asegurou Villares, que critica que a "única" preocupación do rei sexa aquela que lle "pon en risco o posto de traballo".

BNG

Tamén o Bloque Nacionalista Galego mostrou o seu rexeitamento por considerar que volve ser a "expresión desa visión uniformadora do Estado español, que está moi afastada da realidade plurinacional e plurilingüe na que se conforma realmente". Nun comunicado remitido aos medios, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, criticou que Felipe VI defenda en se discurso de Nadal a Constitución como un "marco de convivencia" cando, na súa opinión, "é xusto o contrario".

"Négase a Galicia como nación, os nosos dereitos colectivos como pobo e a posibilidade de avanzar en democracia e en benestar social", censurou o parlamentario nacionalista. Néstor Rego cualificou a mensaxe como un discurso "pretendidamente social impostado" que, ao seu xuízo, "é moi alleo e moi distante da realidade social e das aspiracións da sociedade galega".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 venesuelano

por que non te calas????