O Concello de Santiago encarga os proxectos para reparar os muros de maior risco

Tamén se iniciou o proceso de actualización do Plan de Emerxencia Municipal, aprobado no ano 2013 pero que non contaba con "ningunha referencia a muros".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/12/2019 | Actualizada ás 16:35

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago de Compostela decidiu este xoves encargar os proxectos de reparación do muro de Costiña do Monte e das actuacións para solucionar os problemas existentes na zona do Pombal, onde se produciron recentemente desprendementos de terra do noiro cara á calzada.

Así o avanzou en declaracións aos medios o rexedor local, Xosé Sánchez Bugallo, tras a reunión extraordinaria da xunta de Goberno local.

Os recentes sucesos rexistrados na capital galega, a causa do derrube dunha parede en Costiña do Monte no que faleceu un veciño, levaron ao Concello de Santiago a actuar de urxencia para determinar os puntos máis danados e de maior risco en caso de incidencias meteorolóxicas.

O informe técnico detectou as zonas de Bonaval e do Pombal como as zonas prioritarias e de maior necesidade de actuacións e este mesmo xoves aprobouse un plan de acción para encargar os traballos que permitan liquidar a situación destes emprazamentos.

O Goberno local tamén remitiu requirimentos a propietarios privados, ao Sergas e ao Consorcio ante a necesidade de actuar en zonas que incorren en certo risco. No primeiro caso, refírese ao muro exterior do psiquiátrico de Conxo, mentres que no segundo afecta a unha parte de Selva Negra, onde xa se realizaron actuacións nalgún tramo.

Neste sentido, tamén se iniciou o proceso de actualización do Plan de Emerxencia Municipal, aprobado no ano 2013 pero que non contaba con "ningunha referencia a muros". Así, o Goberno local reclama que se inclúan todos os elementos de risco potencial no documento (muros, árbores, mobiliario urbano, ou cornixas) que non estaban incluídos no texto orixinal.

Finalmente, acordáronse actuacións relativas ás fochancas dos accesos do polígono de Costa Vella, que actualmente está a asumir todo o tráfico pesado dirixido ao da Sionlla.

Imaxe do muro cuxo derrube provocou o falecemento dun home en Santiago de Compostela
Imaxe do muro cuxo derrube provocou o falecemento dun home en Santiago de Compostela

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta