O TSXG anula unha sanción con suspensión de emprego e soldo a unha pediatra do Materno Infantil da Coruña

Confirma unha sentenza anterior en similares termos pola caducidade da mesma cando lle foi comunicada.

Por E.P. | A CORUÑA | 26/12/2019 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou unha sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña que anulou unha sanción a unha pediatra do Hospital Materno Infantil desta cidade por "un defecto de forma".

Pediatra
Pediatra | Fonte: EP

Segundo informa o letrado Alfonso Iglesias, que representou á facultativa, en xuño de 2014, a Consellería de Sanidade acordou a incoación dun expediente disciplinario a esta especialista "por unha serie de presuntas faltas moi graves". Posteriormente, resolveu "a imposición á expedientada dunha sanción de suspensión de emprego e soldo durante un período de 4 anos e 10 meses", ratificado con posterioridade.

Tras o recurso presentado nos xulgados, o Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña deu a razón á facultativa, "suspendida das súas funcións desde febreiro de 2016", explica o seu letrado.

Con posterioridade, a Consellería de Sanidade recorreu o fallo ante o TSXG, que agora rexeita os argumentos da Xunta en relación á caducidade do expediente sancionador. En concreto, a Administración autonómica alegou que a ampliación do prazo para resolver este caso estaba "debidamente xustificada" e que a resolución do expediente sancionador foi notificado "en prazo".

"Con todo, da análise do expediente constátase que iso non é así", recolle a sentenza do alto tribunal galego. "A superación do prazo de caducidade determina a nulidade da sanción finalmente adoptada", engade tamén.

INDEMNIZACIÓN

O letrado que representou á facultativa indica que no presente caso "non cabe posibilidade algunha de incoación dun novo procedemento sancionador pois as 'hipotéticas' faltas, xa están prescritas".

Ademais, engade que "as consecuencias da nulidade da sanción" levan "a inmediata reintegración da facultativa sancionada ao seu posto de traballo, a indemnización dos danos e prexuízos e o pago total dos salarios deixados de percibir, así como a indemnización derivada da retirada das funcións propias dunha médico-pediatra durante case 4 anos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta